[12-03-2011] Un ano máis os cativos da Escola Infantil Municipal A Madalena achegáronse ata a oficina de correos do Milladoiro para coñecer de primeira man o funcionamento deste servizo. A actividade encádrase nas saídas que realizan ao longo do ano para ir coñecendo o seu entorno e aspectos deste fundamentais para a vida diaria. Na visita puideron depositar na oficina as postais que lle enviaron aos seus pais con motivo do Día do pai que se celebra o vindeiro 19 de marzo.
Dar a coñecer aos máis pequenos o seu entorno inmediato de forma que poidan desenvolverse no seu día a día e aprender sobre aquilo que teñen máis achegado son os obxectivos do programa "Coñecendo o entorno máis próximo". Nesta ocasión, arredor de 60 nenos e nenas de 2 a 3 anos de idade da Escola Infantil Municipal A Madalena do Milladoiro visitaron o xoves pola mañá a oficina de correos situada preto do seu centro e pasaron unha mañá diferente, entretida e instrutiva. Alí puideron observar o traballo diario que levan a cabo os diversos operarios e o sistema de funcionamento da oficina.
A viaxe constou de dúas partes. Primeiro os nenos e nenas tiveron que escribir na escola unha postal e introducírona nun sobre coa dirección dos seus pais. A continuación dirixíronse a pé á oficina de correos onde a selaron e a enviaron para felicitar aos seus pais nunha data tan sinalada como é a do 19 de marzo. Deste xeito, cando lles chegue á casa, poderán comprender un pouco mellor o conxunto do traballo que se fai en correos, vendo como a postal por eles deixada na oficina está agora na casa.
Esta saída non é a única que realizan os pequenos ao longo do ano. Xa en Entroido puideron levar a cabo outra saída para familiarizarse con esta festa. Ademais, moi pronto visitarán a Casa do Concello para coñecer o día a día dunha institución tan importante como é a Administración local. Máis adiante, os rapaces poderán visitar unha granxa amiense, a Cooperativa Agraria de Tapia e finalmente en xuño dedicarán unha xornada completa dun sábado para ir de excursión coas familias e coñecerse entre todos/as.
Todas estas actividades do programa Coñecendo o entorno máis próximo pretenden achegar aos nenos e nenas ao seu exterior máis inmediato, así como ensinarlle o funcionamento de distintos organismos que son fundamentais para a súa vida diaria.