Pestanas principais

Os nenos/as da escola infantil A Madalena celebraron en outubro a chegada do outono, a vendima e a festa do Samaín

Luns, 07 de novembro de 2011

[07-11-2011] Ano tras ano na escola infantil municipal da Madalena, situada no Milladoiro, elabora un programa cheo de actividades para que todos os nenos e nenas que están matriculados neste centro educativo poidan aprender ao tempo que se divirten. Ao longo do mes de outubro celebraron a chegada do outono, a vendima e para rematar o mes, a festa do Samaín. Ademais, pretendeuse que os nenos/as coñeceran a través dos xogos os distintos elementos da natureza: follas, froitos típicos, cambios de clima... Foi un mes cheo de novas experiencias para a maioría dos nenos e nenas, así como para as súas familias.

Despois de pasar o período de adaptación á escola infantil municipal da Madalena chegou o mes de outubro e con el unha chea de actividades. Durante este mes pretendeuse que os nenos/as coñeceran a través dos xogos os distintos elementos da natureza: follas, froitos típicos, cambios de clima... e que participasen nas festas típicas desta estación como son o Samain e a vendima.

Procurouse que todas as actividades do grupo estimulasen o interese do neno/a por coidar e respectar a natureza e o seu entorno sen esquecer o reforzo de hábitos e rutinas diarias. A unidade didáctica levouse a cabo ao longo do mes de outubro.

Deste xeito, os cativos/as celebraron a chegada do outono, a vendima e para rematar o mes, a festa do Samaín. Foi un mes cheo de novas experiencias para a maioría dos nenos, así como para as súas familias. As primeiras persoas que colaboraron no desenvolvemento destas actividades tiveron que traer da casa froitos do outono, cabazas para o samain, uvas ou millo entre outras cousas.

Tamén tiveron un papel moi especial os avós dos nenos/as, que visitaron a escola infantil da Madalena. Despois do período de adaptación é importante coñecer as familias e, como non, os avós e avoas, tan importantes nas vidas dos máis pequenos da casa. A través desta actividade pretendeuse dar a coñecer o traballo da escola, pero tamén que os nenos e nenas se decaten de que as familias son unha parte imprescindible no proxecto educativo deste centro educativo.


Durante o mes de outubro os nenos/as da Madalena tamén aproveitaron para vendimar, pisaron as uvas e fixeron zume de uva. Os nenos/as sempre experimentan unha sensación entre divertida e estraña, xa que teñen que empregar os pés para pisar as uvas.

E para rematar o mes de outubro como non podía ser de outra maneira celebraron durante algo máis dunha semana a festa do Samaín. Unha tradición moi nosa que se pretende difundir e asentar entre os nenos e as familias.

Na escola da Madalena reviviron esta tradición con multitude de actividades, entre elas como non podía ser doutra maneira, baleirar cabazas, decorar a escola con morcegos, arañeiras e cabazas para espantar os malos espíritos. Neste caso, como non saben moito de espíritos preferiron espantar os virus que nesta época do ano nos visitan con frecuencia. Todo isto coma sempre non sería posible sen a colaboración das familias, que levaron cabazas, froitos...

Todas estas actividades estiveron acompañadas de contos típicos destas datas; Uns monstros moi divertidos ou Corre, corre cabaciña. A escola da Madalena mesmo contou coa visita dunha bruxa que chegou cargada de contos de medo. Os nenos e nenas pasárono moi ben con tanto medo.