Pestanas principais

Os nenos e nenas que participan no Nadal lúdico despediron o ano comendo gusanitos en vez de uvas

Martes, 01 de xaneiro de 2013

[01-01-2013] Coas vacacións de Nadal chegou tamén ao Concello de Ames o programa Nadal lúdico, grazas ao cal, dende o 24 de decembro e ata o 7 de xaneiro, os pais con cativos entre 3 e 12 anos poden conciliar a súa vida laboral e familiar. Así, preto de 200 nenos e nenas teñen a oportunidade de gozar das actividades e obradoiros deste programa, que teñen por obxectivo mantelos entretidos e ocupados, mentres que os pais e nais están traballando. Este luns, 31 decembro ás 12:00 h da mañá, os nenos e nenas que participan no Nadal lúdico despediron o ano ao son das doce baladas na Casa da Cultura do Milladoiro. Os rapaces e rapazas comeron gusanitos en vez de uvas. Foi a segunda vez que se xuntaron os rapaces e rapazas dos lúdicos de Bertamiráns e do Milladoiro para celebrar a festa de fin de ano.

Como xa vén sendo tradicional todos os anos os nenos e nenas que participan no Nadal lúdico adiántanse ao resto de veciños e veciñas de Ames na celebración da festa de fin de ano. Deste xeito, os monitores e monitoras que xestionan as actividades do Nadal lúdico prepararon unha festa de fin de ano para todos os cativos/as que participan neste programa lúdico. A festa de fin de ano celebrouse este luns 31 de decembro, ás 12:00 h da mañá, na Casa da Cultura do Milladoiro. Foi a segunda vez que se xuntaron os rapaces e rapazas dos lúdicos de Bertamiráns e do Milladoiro para celebrar a festa de fin de ano. O ano pasado realizouse esta mesma actividade por primeira vez, pero no pavillón polideportivo do Milladoiro.

Os nenos e nenas que participan no Nadal lúdico de Bertamiráns foron en autobús ata a localidade do Milladoiro, mentres que os nenos/as que están na Escola de Educación Infantil do Milladoiro achegáronse ata a Casa da Cultura desta localidade andando. Os rapaces e rapazas comeron gusanitos en vez de uvas. Debido a que neste programa participan moitos nenos/as de 3 e 4 anos, os monitores/as decidiron que comeran gusanitos xa que é unha lambonada fácil de tragar sen correr o risco de que ningún neno se atragantase. Ademais, estes gusanitos eran aptos para todos aqueles rapaces ou rapazas que sofren alerxias ou intolerancia a algún produto alimenticio.


Na Casa da Cultura do Milladoiro tamén houbo un paxe real. Ao rematar as badaladas os nenos/as puideron deixarlle as cartas, que lle escribiron aos Reis Magos, para que a noite do 5 de xaneiro lles traían os agasallos que lles pediron. A esta festa tamén acudiron varios membros do goberno local. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, tamén comeron gusanitos, ao igual que os nenos/as, para despedir o ano.

Cómpre lembrar que o Nadal lúdico desenvólvese tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns. No Milladoiro son 125 os nenos e nenas que participan no programa lúdico, mentres que en Bertamiráns son 61. En Bertamiráns os nenos/as desenvolven as actividades do Nadal lúdico no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro os nenos/as de educación infantil están na EEI Milladoiro e os rapaces e rapazas de educación primaria na Casa da Cultura.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os 200 nenos e nenas que participan no Nadal lúdico despediron o ano comendo gusanitos en vez de uvas"