Pestanas principais

Os nenos e nenas que participan na Escola de Verán visitaron a Casa do Concello

Martes, 07 de agosto de 2012

[07-08-2012] Máis de cen nenos e nenas que participan este mes na Escola de Verán visitaron esta mañá o salón de plenos, onde foron recibidos polo alcalde de Ames, Santiago Amor, e por catro concelleiros/as do goberno municipal. Os rapaces e rapazas puideron sentarse nas cadeiras que ocupan o rexedor e os concelleiros durante os Plenos. Ademais, puideron facerse unha foto co bastón do alcalde. A continuación baixaron á praza do Concello onde puideron subir na moto e conducir un dos coches da Policía Local.

Un grupo de 104 nenos/as que participan na iniciativa Escola de Verán, que se celebra en Bertamiráns e no Milladoiro, visitaron esta mañá a Casa do Concello. O motivo da visita foi instrutivo e lúdico á vez. Os nenos e nenas visitaron o salón de plenos onde foron recibidos polo alcalde e por catro concelleiros/as do goberno municipal. Nesta recepción participaron xunto ao rexedor, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar; o concelleiro Servizos, Ramón García Argibay; a concelleira de Xuventude, María González, e a concelleira de Cultura, Eugenia Martín.

Os nenos e nenas puideron sentarse nas cadeiras que ocupan o alcalde e os concelleiros durante os Plenos, ocupando por un día os espazos de responsabilidade dos maiores. Os nenos mostráronse encantados con esta iniciativa e sentáronse nas diversas butacas do salón. Os pequenos tamén puideron sacar unha foto co bastón de mando do alcalde e facer preguntas ao rexedor e aos concelleiros.

Despois de estar no salón de Plenos os cativos baixaron ata a praza do Concello. Os nenos e nenas puideron montar na moto e conducir un dos coches da policía local. Foi o que máis lles gustou da visita pois resultoulles moi emocionante poder conectar o sistema de alarmas da moto e do coche e ver as súas luces funcionando, así como poñerse os cascos que empregan os e as motoristas da Policía Local.