[21-07-2015] Esta mañá os nenos e nenas que están participando no programa municipal da Escola de Verán de Bertamiráns visitaron as instalacións do Pazo da Peregrina. Alí foron recibidos polo concelleiro de Cultura e Educación, David Santomil, que estivo falando e compartindo anécdotas con eles.
Os nenos e nenas que participan na Escola de Verán de Bertamiráns dedicaron parte da xornada deste martes, 21 de xullo, a visitar o Pazo da Peregrina. Alí participaron en diversas actividades como xogos de orientación. Ademais, aproveitaron esta saída para estar en contacto coa natureza.
A programación de Escola de Verán 2015 ten por título Vivir Ames. Durante a segunda quincena deste mes de xullo o tema sobre o que están traballando é Exploradores e exploradoras de Ames. Polo tanto as actividades están encamiñadas a coñecer o medio natural amesá.
A través desta actividades preténdese que os rapaces e rapazas presten atención á integración da natureza; á preservación da diversidade e os ecosistemas, e a incentivar as actitudes de respecto que os encamiñen cara a utilización sostible dos recursos naturais.
Ao mesmo tempo continúase coas actividades para dar a coñecer aos nenos e nenas o concello de Ames, para deste xeito, afirmar a súa identidade cultural. Ames, polo tanto convértese nun lugar de observación, recollida de datos e experiencias.




