[02-12-2016] Esta a piques de chegar o inverno e, con el, o Apalpador, baixa das montañas do Courel para visitar aos nenos e nenas de Ames. Deste xeito, esta semana realizoulle unha visita sorpresa aos escolares de Ames. Nesta actividade participaron o alumnado das escolas infantís municipais O Bosque A Madalena, das escolas da Rede da Galiza Azul de Bertamiráns e do Milladoiro e das escolas unitarias da Tarroeira e de Covas. O contador de contos, Anxo Moure, encarna a esta figura da mitoloxía galega, que visitou por segundo ano consecutivo ao alumnado amesán. Con esta actividade dáse inicio á programación cultural que preparou o Concello de Ames para a época de Nadal.
O Apalpador, un home xigante e barbudo, baixaba das montañas do Courel a finais do mes de decembro e, de casa en casa, comprobaba que nenos e nenas comesen ben palpándolles na barriga. Esta personaxe lendaria galega deixaba presas de castañas aos pequenos e agasallos que el mesmo facía. Dende fai un tempo trátase de recuperar esta figura tradicional, que foi sendo desprazada pouco a pouco pola de Santa Claus ou os tres Reis Magos.
O contador de contos galego, Anxo Moure, foi o encargado de poñerse na pel do Apalpador. Moure relatoulles aos nenos e nenas a súa orixe, transportándoos nunha viaxe para coñecer a fauna e flora do Courel onde habita o resto do ano. O alumnado das escolas infantís do Concello, da Rede da Galiña Azul e das escolas unitarias da Tarroeira e de Covas cantaron e xogaron co Apalpador, que representa a figura mítica dun carboeiro que baixa das montañas dos Ancares a noite do 24 ao 31 de decembro para apalpar a barriga dos nenos e nenas e ver se comeron ben durante o ano, deixando un montón de castañas, e algún agasallo e desexando que teñan o ano cheo de felicidade e ledicia.
O Apalpador non veu só cargado de contos e música, senón que vestiu a un alumno/a de cada escola coa roupa que caracteriza a esta personaxe lendaria galega. Ademais preguntoulles pola súa alimentación, explicándolles os beneficios da comida da casa, do queixo e do leite dos gandeiros galegos, e da necesidade de evitar as hamburguesas, as bebidas con azucre ou as lambonadas. Esta actividade abre a programación de Nadal que organizou o Concello de Ames a través da Concellaría de Cultura. O Apalpador volverá por Ames a comezos do mes de xaneiro.


Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Apalpador ya está aquí"
El Correo Gallego: "El Apalpador viajará desde Ames a la Costa da Morte"




