Pestanas principais

Os nenos e nenas dos centros de ensino de Ames conmemoraron o Día Internacional da Paz

Venres, 31 de xaneiro de 2014

[31-01-2014] Debido a que esta semana se celebrou o Día Internacional da Paz, os nenos e nenas dos centros de ensino de Ames, ao igual que os rapaces da maioría dos colexios galegos, estiveron durante estas últimas xornadas falando e realizando diferentes actividades relacionadas con este tema. Deste xeito, os alumnos/as do CEIP A Maía, que participan no programa Bos Días Cole, fixeron varios murais e diferentes postais con forma de pomba, corazón e planeta. Ademais, o alumnado das escolas infantís municipais O Bosque, de Bertamiráns, e A Madalena, do Milladoiro, tamén participaron en diferentes actividades nas que os nenos/as elaboraron un arco da vella, un puzle con diferentes pezas nas que se poden ler varias frases en prol da paz, e traballaron conceptos como colaborar, compartir, respectar, etc.

Durante toda esta semana os rapaces e rapazas que participan no programa municipal de Bos Días Cole no comedor do CEIP A Maía estiveron preparando ao seu xeito a celebración do Día Internacional da Paz. Para iso elaboraron murais e un total de 620 postais con diferentes formas (pomba, corazón e planeta). Todas estas postais repartíronas este xoves pasado entre o resto de alumnado que cursa estudos neste centro educativo. A través desta iniciativa pretenderon realizar unha solta de pombas simbólica.

Na escola infantil municipal O Bosque tamén celebraron o Día Internacional da Paz ao longo desta semana. Os nenos e nenas participaron en diferentes actividades lúdicas nas que entre todos elaboraron un arco da vella con distintas manualidades feitas por cada grupo de idade (0-1, 1-2 e 2-3). Os cativos/as fixeron diferentes elementos decorativos (corazóns, pombas, siluetas de nenos, mans pintadas, etc) coas que formaron un orixinal arco da vella. Ademais, traballaron conceptos como colaborar, compartir, respectar, etc.

Por outra banda, na escola infantil municipal A Madalena tamén conmemoraron o Día Internacional da Paz. Os nenos e nenas participaron en diferentes obradoiros divididos en grupos de idade. Os alumnos/as de 0 a 1 anos decoraron varias pombas con pintura de dedos e elaboraron un mural. Os rapaces e rapazas de 1 a 2 anos confeccionaron un puzle con diferentes pezas nas que se poden ler varias frases en prol da paz. Os nenos e nenas destes grupos de idade contaron coa colaboración dos seus pais e nais que lle axudaron a facer a súa parte do traballo nas súas casas. Por último, os alumnos/as de 2 a 3 anos elaboraron unha pomba empregando cartón.

Todas as actividades levadas a cabo nas escolas infantil con motivo do Día Internacional da Paz están reflectidas nas fotografías que se tomaron durante toda a semana e que están expostas na entrada das escolas. Deste xeito, todos os pais e nais que o desexen poderán ver como traballaron os seus fillos arredor desta temática e continuar con esa labor nas súas casas para reforzar o que xa aprenderon.