Pestanas principais

Os nenos e nenas do CEIP Agro do Muíño plantaron no entorno do colexio a árbore de Nadal da Casa do Concello

Venres, 13 de xaneiro de 2012

[13-01-2012] Os nenos e nenas do CEIP Agro do Muíño plantaron esta mañá na hora do recreo no patio do colexio a árbore que se adornou na Casa Consistorial de Ames este Nadal. O alcalde, Santiago Amor, e a concelleira de Medioambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín Vicente, asistiron a esta actividade e compartiron con docentes e demais traballadores do centro, así coma cos nenos e nenas, un acto co que o Concello pretende poñer en valor o contacto, o coidado e o respecto pola natureza.

O colexio Agro do Muíño colabora co proxecto que ten posto en marcha un grupo de comunicación galego, o chamado proxecto Voz Natura. Desta implicación con Voz Natura naceu o programa "Anovar o Agro" mediante o cal os nenos e nenas do colexio Agro do Muíño levarán a cabo plantacións de varias especies no entorno do centro escolar. Da man de "Anovar o Agro" a biblioteca do colexio traballa durante todo este curso no proxecto "convivindo entre plantas e libros" que mestura o traballo de exterior co traballo de aula e que consiste en poñer en contacto aos nenos e nenas coa natureza, ensinarlles a recoñecer especies arbóreas e flores, ensinarlles como as deben tratar...As celebracións que se fan no colexio durante este ano xiran en torno ao tema da natureza e ao final do curso farán un gran mural no que recompilen diversos aspectos desta temática.

O proxecto que leva a cabo a biblioteca escolar conta con tres fases correspondentes a cada trimestre de curso. A primeira fase adicouse á cabaza e a aprender vocabulario de flores, a segunda estase adicando á relación da natureza coa arte e os escolares poderán coñecer por exemplo a pintura impresionista entre outras actividades, e a terceira fase adicarase ao estudo de ditos e refráns relacionados coa natureza e aos Mayos.
Unha das actuacións máis importantes que levarán a cabo os nenos e nenas de Agro do Muíño será o plantado de diversas especies no entorno do centro. Os alumnos de infantil plantarán flores que estudaron previamente nas aulas e os nenos de primaria plantarán arbustos, buxo e plantas aromáticas.

Colaboración co Concello

O concello de Ames colabora estreitamente cos proxectos que leva a cabo o colexio xa que o departamento de medio ambiente lle presta asesoramento no trato das especies e facilitará a plantación de especies.

Ademais, a partir do mes de febreiro os alumnos de Agro do Muíño acudirán a xornadas na Aula da Natureza que está na parroquia de Ameixenda para traballar sobre cuestións da natureza. Entre as actividades que farán está un obradoiro para coñecer a natureza a través dos cinco sentidos, vista, olor, sabor, tacto e oído.

Tanto o colexio coma o Concello, a través da concellería de Medioambiente, desexan achegarlle o mundo natural a uns nenos que teñen na maior parte dos casos un perfil moi urbano, malia que Ames é un municipio con moito rural e moitas zonas verdes.