[12-03-2013] Unha, dola, tela, catola, baixo este lema a Biblioteca municipal organizou novas sesións de contacontos para este mes de marzo. Estas actividades, que están dirixidas aos rapaces e rapazas de 3 a 8 anos, terán o seu escenario nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. Os contos non se centrarán nunha única temática senón que durante cada mes abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. A primeira actividade terá lugar mañá, 13 de marzo, na Biblioteca do Milladoiro ás 18:00 horas.
Durante o mes de marzo a temática das sesións de contos xirará arredor dos números. Co repaso dos primeiros 20 números, dos seus conceptos e das súas grafías preténdese fixar a noción de seriación de elementos e axudar a distinguir cantidades e insistir en termos como moito, pouco, bastante, nada… Todo isto está dirixido a promover a capacidade de abstracción dos nenos e nenas e a traballar e desenvolver a súa lóxica matemática.
Para reforzar os contidos, as actividades que se desenvolverán despois dos contacontos consistirán en pintar un debuxo segundo un código de números e cores, e elaborar e xogar con un xogo no que se relacionan parellas de números e obxectos.
Estas actividades desenvolveranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. As sesións de contacontos comezan o mércores, 13 de marzo, na Biblioteca do Milladoiro, e continúan o xoves 14 de marzo na de Bertamiráns. O luns 25 de marzo tócalle a quenda ao local social de Augapesada, mentres que o martes 26 celebraranse no local de Bugallido. A última actividade terá lugar o mércores 27 de marzo na Biblioteca de Bertamiráns. Os contacontos comezarán ás 18:00 horas.




