[17-02-2012] Os nenos e nenas das escolas infantís e da rede municipal de comedores escolares xa comezaron a celebración da Festa de Entroido. Este pasado xoves 16 de febreiro, o servizo da rede municipal de comedores escolares, implantado nos CEIP A Maía e Agro do Muíño, así como no CEP de Ventín, na Escola de Educación Infantil do Milladoiro e no CEIP de Barouta organizaron os seus propios festivais de Entroido. O venres, 17 de febreiro, foi a quenda para os nenos/as das escolas infantís de O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro, que celebraron cadansúa festa na que reinaron a imaxinación e a diversión. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e varios concelleiros/as da corporación municipal acudiron á festa de entroido das escolas infantís. Para o sábado 18 de febreiro queda a Festa de Entroido que organizou a biblioteca municipal, que se desenvolverá na praza de Chavián, en Bertamiráns, a partir das 17:00 horas.
As escolas infantís O Bosque de Bertamiráns e A Madalena do Milladoiro celebraron este venres as súas correspondentes festas para dar a benvida ás datas do Entroido. Os máis cativos aproveitaron esta oportunidade para lucir os seus disfraces feitos por eles mesmos. As dúas escolas acolleron estes días cadansúa festa na que se xuntaron nenos, pais e o persoal dos centros de ensino para compartir unha tarde de bo humor con produtos típicos do entroido, música e diversión.
Os alumnos da Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns estrearon durante a mañá do venres os disfraces que prepararon nas aulas de plástica ao longo de toda a semana. Unha morea de nenos e nenas disfrazados de animais de granxa (polos, porcos e vacas) desfilaron polas aulas do centro ao longo da mañá. Por outra banda, na escola infantil da Madalena, no Milladoiro, os nenos e nenas escolleron como temática para elaborar os seus disfraces o circo. Deste xeito os nenos/as disfrazáronse de pallasos, domadores, forzudos, e membros dunha banda de música.
Pola tarde, as escolas infantís realizaron un festival de portas abertas no que os cativos/as acudiron cos seus pais/nais ao centro e gozaron da diversión na compaña destes e do persoal da escola. Tanto os adultos como os nenos/as foron disfrazados de de diferentes temáticas. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e varios concelleiros/as do goberno municipal tamén quixeron achegarse á festa para saudar aos nenos/as nesta tarde tan especial.
Entroido nos comedores escolares
O servizo da rede municipal de comedores escolares, implantado nos CEIP A Maía e Agro do Muíño, así como no CEP de Ventín, no CEIP de Barouta e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, organizaron os seus propios festivais de Entroido. Os rapaces e rapazas aproveitaron para disfrazase no momento de lecer antes ou despois de comer. Algúns dos nenos e nenas realizaron os seus disfraces coa axuda dos seus profesores e outros fixéronos asesorados polas monitoras e monitores do servizo da rede municipal de comedores escolares. Ademais, o mércores 15 de febreiro puideron probar as saborosas orellas de entroido que elaboraron con moito agarimo os/as cociñeiros/as da Rede Municipal de Comedores Escolares.
Festa de Entroido da Biblioteca municipal
A Biblioteca de Ames organiza unha Festa de Entroido para o sábado 18, a partir das 17:00 horas na praza de Chavián, en Bertamiráns. Debido a que este ano a celebración do Entroido desenvolverase no Milladoiro, o luns día 20, e debido tamén á gran demanda dos usuarios da Biblioteca de Bertamiráns, dende a biblioteca municipal organizaron unha pequena Festa de Entroido dirixida ós máis pequenos. Só se pide que todo aquel que queira participar, deberá asistir disfrazado, e traer calquera tipo de sobremesa de Entroido ou lambonadas para compartir cos asistentes. Haberá premios para aqueles disfraces que chamen máis a atención do público asistente, animación, música e baile ata ben entrada a tardiña.