Pestanas principais

Os nenos e nenas de 2 a 3 anos da escola infantil municipal A Madalena fixeron a súa propia vendima

Mércores, 05 de outubro de 2016

[05-10-2016] A Escola Infantil Municipal A Madalena do Milladoiro está celebrando durante o mes de outubro a chegada do outono e un dos mellores xeitos de festexala é facendo a vendima. As uvas están sendo as protagonistas neste centro de ensino durante estas semanas. Os nenos e nenas de 2 a 3 anos recolleron as uvas que anteriormente trouxeran as súas familias da casa. Posteriormente, os rapaces e rapazas seleccionaron e estrugaron as uvas recollidas para extraer o seu zume. Esta actividade encádrase dentro da programación anual da Escola infantil municipal A Madalena para o curso 2016-2017.


Durante o primeiro trimestre o alumnado da Escola Infantil Municipal A Madalena está desenvolvendo diversas actividades relacionadas coa chegada do outono. Unhas destas actividades está relacionada coa vendima. Os nenos e nenas de 2 a 3 anos estiveron traballando coas uvas que trouxeron as súas familias da casa.

Deste xeito, os nenos e nenas manipularon as uvas e coñeceron o que é unha viña. Recolleron os acios de uvas das parras que se improvisaron dentro das aulas da escola infantil. Os tendais da roupa serviron de viña. O alumnado colleu as uvas dese lugar para despois botalas nunhas cubetas e pisalas.

Moitos dos nenos e nenas aproveitaron esta actividade para probar as uvas. A maioría dos cativos encantoulles a experiencia. Participaron nunha vendima moi especial e pasárono moi ben. Por último, aproveitaron as follas da parra e metéronas na caixa de follas, que se colocou na entrada da clase, para que ao longo deste mes o alumnado vaia metendo cada día as follas que atopen no camiño que vai das súas casas ata a escola.

Coma sempre, os pais e nais terán na entrada do centro unha ampla reportaxe fotográfica para que cando veñan a recoller os seus fillos/as poidan ver o resultado da actividade. A vendima forma parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola Infantil Municipal A Madalena.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los niños de la escuela infantil A Madalena celebraron su vendimia"