[05-03-2011] Volveu o Entroido a Ames, e os pequenos das escolas infantís do concello xa comezaron as celebracións. Como non podía ser doutro xeito, os disfraces e o bo humor invadiron as escolas infantís de O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro, con cadansúa festa na que reinaron a imaxinación e a diversión. Os cativos e as súas familias puideron gozar dunha tarde animada en compañía e dos produtos típicos destas festas como as filloas e as orellas, nunha xornada na que os pequenos foron protagonistas indiscutíbeis. A escola infantil de A Madalena realizou a súa festa de Entroido de xeito conxunto co persoal e os nenos/as da escola infantil A Galiña Azul de As Figueiras, durante a tarde do xoves 3 de marzo, mentres que os nenos/as de O Bosque celebraron o entroido o venres 5 de marzo.
As escolas infantís O Bosque de Bertamiráns e A Madalena do Milladoiro celebraron as súas correspondentes festas para dar a benvida ás datas do Entroido. Os máis cativos aproveitaron esta oportunidade para lucir os seus disfraces feitos por eles mesmos. As dúas escolas acolleron estes días cadansúa festa na que se xuntaron nenos, pais e o persoal dos centros de ensino para compartir unha tarde de bo humor con produtos típicos do entroido, música e diversión.
Os alumnos da Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns estrearon durante a mañá do venres os disfraces que prepararon nas aulas de plástica ao longo de toda a semana. Unha morea de nenos e nenas disfrazados de músicos desfilaron polas aulas do centro ao longo da mañá, levando cada unha das clases un instrumento diferente. Ao mediodía marcharon á casa cos disfraces.
Pola tarde, a partir das 16:30 horas, deu comezo un festival de portas abertas no que os cativos/as acudiron cos seus pais/nais ao centro e gozaron da diversión na compaña destes e do persoal da escola. Tanto os adultos como os nenos/as foron disfrazados de indios. A temática elixida tamén se deixou ver nos motivos decorativos xa que houbo mesmo un tótem e unha tenda de campaña feitos como manualidades polos nenos/as. Todos xuntos pasaron unha tarde divertida na que non faltaron as lambetadas típicas do Entroido, como as filloas e as orellas. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e varios concelleiros/as do goberno municipal tamén quixeron achegarse á festa para saudar aos nenos nesta tarde tan especial.
Entroido na Madalena
Na escola infantil A Madalena, do Milladoiro, o tema escollido este ano para confeccionar os seus disfraces foi o de países e culturas de todo o mundo. Durante a mañá do xoves, os rapaces e rapazas desfilaron pola escola e saíron á Praza da Madalena para amosar e lucir os seus disfraces. Despois, pola tarde, celebraron unha festa conxunta coas familias, o persoal e os nenos da escola infantil A Galiña Azul de As Figueiras, disfrazados coa mesma temática de países e culturas do mundo. A idea era que os nenos/as confraternizasen e fixesen amizades na outra escola mentres se divertían cos seus disfraces. A festa incluíu música e unha merenda na que non faltaron os produtos de Entroido.
Tras este comezo nas escolas infantís e o concerto de onte a cargo da Escola Municipal de Música de Ames, o día grande do Entroido amiense é hoxe con sendas festas en Bertamiráns e no Milladoiro, que comezarán coas charangas a partir das 17:00 horas e nas que se sortearán cestas de entroido e haberá diversión para nenos e maiores.




