[28-02-2017] O alumnado e mailo persoal das escolas infantís do Bosque, de Bertamiráns, e da Madalena, do Milladoiro, celebraron unhas festas de entroido cheas de disfraces e o bo humor. Os cativos e as súas familias puideron gozar dunha tarde animada en compañía dos produtos típicos destas festas como as filloas e as orellas, nunha xornada na que os pequenos foron protagonistas indiscutibles. Ademais, os rapaces e rapazas da escola infantil de A Madalena participaron nun desfile de disfraces pola praza da Madalena.
As escolas infantís O Bosque de Bertamiráns e A Madalena do Milladoiro celebraron o pasado venres as súas correspondentes festas para dar a benvida ás datas do Entroido. Os máis cativos aproveitaron esta oportunidade para lucir os seus disfraces feitos por eles mesmos. As dúas escolas acolleron estes días cadansúa festa na que se xuntaron nenos, pais e o persoal dos centros de ensino para compartir unha tarde de bo humor con produtos típicos do entroido, música e diversión.
Os alumnos da Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns estrearon durante a mañá do venres os disfraces que prepararon nas aulas de plástica ao longo de toda a semana. A temática dos disfraces deste ano foi Os animais mariños. Así, houbo cabaliños e estrelas de mar nas aulas dos bebés; diferentes peixes nas aulas de 1 a 2 anos; e polbos, pingüíns e sereas nas aulas de 2 a 3 anos. Os nenos e nenas desfilaron durante a mañá por toda a escola cos seus disfraces.
Por outra banda, na escola infantil da Madalena, no Milladoiro, os nenos e nenas escolleron como temática para elaborar os seus disfraces a música e os instrumentos musicais. Deste xeito, os bebés disfrazáronse de pianos; os nenos de 1 a 2 anos de pandeiretas e castañolas; e alumnado de 2 a 3 anos de pentagramas, xilófonos e guitarras. O alumnado e mailas mestras realizaron un desfile pola praza da Madalena.
Pola tarde, as escolas infantís realizaron un festival de portas abertas no que os cativos/as acudiron cos seus pais/nais ao centro e gozaron da diversión na compaña destes e do persoal da escola. Tanto os adultos como os nenos/as foron disfrazados de de diferentes temáticas. Na escola infantil da Madalena os mestras acudiron disfrazadas de rockeras, mentres que os nenos e nenas puideron elixir o disfrace que máis lle gustaba.














