[29-12-2014] Os alumnos e alumnas da escola infantil O Bosque, de Bertamiráns, e da escola infantil A Madalena, do Milladoiro, celebraron os seus respectivos festivais de Nadal. Nestes actos participaron os propios nenos/as, o persoal das escolas e os pais/nais do alumnado. Todos eles participaron na representación de varios contos e bailes. Antes de rematar o festival os nenos e nenas recibiron a visita dos Reis Magos cos que se puideron fotografar. Ademais, o alumnado da escola municipal O Bosque recibiu a visita dos paxes reais, que se achegou ata a escola para falar cos nenos e nenas e deixarlle unhas bolsas de gusanitos.
Contos de Nadal, bailes, actuacións sorpresa e a visita dos Reis Magos... estas foron algunhas das actividades que conformaron o programa dos festivais de Nadal que celebraron as escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena nos auditorios das casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
Os nenos e nenas da EIM O Bosque representaron un conto de Nadal, mentres que as profesoras representaron o conto As cabritiñas e o lobo. Ademais, as nais dos nenos/as desta escola infantil bailaron unha canción sobre Rudolf, o reno de Papa Noel.
Ademais, ao longo do mes de decembro o alumnado destas escolas realizaron varias actividades nos propios centros escolares. Na escola infantil O Bosque recibiron a visita dos paxes reais. Como todos os anos os paxes reais achegáronse ata esta escola para falar cos nenos e nenas e deixarlle unhas bolsas de gusanitos. Os nenos e nenas ensináronlle como decoraron a escola cos adornos que elaboraron nas aulas.
Por último, o alumnado da escola infantil O Bosque participou nunha visita á oficina de Correos de Bertamiráns, onde lles explicaron como funciona o servizo postal, e ademais, deixáronlles enviar as carta que lles escribiron aos Reis Magos.