[20-12-2013] Os alumnos e alumnas da escola infantil O Bosque, de Bertamiráns, e da escola infantil A Madalena, do Milladoiro, celebraron os días 19 e 20 de decembro os seus respectivos festivais de Nadal. Nestes actos participaron os propios nenos/as, o persoal das escolas e os pais/nais do alumnado. Todos eles participaron na representación de varios contos e bailes. Antes de rematar o festival os nenos e nenas recibiron a visita dos Reis Magos cos que se puideron fotografar. Ademais, o alumnado da escola municipal A Madalena recibiu a visita de Papá Noel, que se achegou ata a escola para entregarlles os agasallos do seu amigo invisible.
Contos de Nadal, bailes, actuacións sorpresa e a visita dos Reis Magos... estas foron algunhas das actividades que conformaron o programa dos festivais de Nadal que celebraron as escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena nos auditorios das casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A estes festivais asistiron o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e varios representantes da corporación municipal amiense.
O festival da escola infantil do Bosque comezou as 16:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Primeiro actuaron os nenos e nenas da escola que representaron un conto de Nadal denominado Imos a Belén, Pastores. A continuación foi a quenda das profesoras que representaron o conto titulado Chivos e Chivóns. Tamén participaron os pais e nais cantando e bailando a canción Pan de Millo do grupo Migallas. E por último viñeron os Reis Magos a facerse fotos cos nenos e deixarlles unha bolsa de lambonadas.
No caso da escola infantil da Madalena, os nenos e nenas representaron o conto A árbore de Nadal. De seguido, foron as mestras e as educadoras da escola as que subiron ao escenario do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Primeiro representaron o conto do galo Kiriko e despois cantaron a canción cosquillas, de los Cantajuegos. Por último, os nenos e nenas recibiron a visita do Reis Magos cos que se puideron fotografar e recibiron unha bolsa de lambonadas.
Cada ano os festivais de Nadal fan as delicias de nais, pais e nenos e nenas que pasan unha tarde entretida e máxica na que o espírito do Nadal o enche todo, e este ano, non podía ser doutro xeito.
Visita de Papá Noel
Por outra banda, o alumnado da escola municipal A Madalena recibiu a visita de Papá Noel, que se achegou ata a escola para entregarlles os agasallos do seu amigo invisible. Os nenos e nenas de 0 a 1 anos recibiron un encaixable, os rapaces e rapazas de 1 a 2 anos foron agasallados cun puzzle de madeira e os alumnos e alumnas de 2 a 3 anos tiveron de agasallo un conto.






