[21-12-2012] Contos de Nadal, bailes, pallasadas, actuacións sorpresa e a visita dos Reis Magos... así pasaron a tarde do xoves os nenos e nenas das escolas infantís do Bosque, en Bertamiráns, e da Madalena, no Milladoiro. Entre as actividades coas que contaron os cativos estivo a actuación de dúas pallasas moi divertidas, bailes, panxoliñas, contos teatralizados, e como colofón a unha tarde do máis máxica e divertida, a primeira visita dos Reis Magos. Os nenos e nenas da Madalena fixeron o seu festival na Casa da Cultura de Milladoiro, mentres que os nenos/as da escola infantil O Bosque fixérono na Casa da Cultura de Bertamiráns.

O festival da escola infantil do Bosque comezou as 16:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Primeiro actuaron os nenos e nenas da escola que representaron un conto de Nadal titulado “A estrela de Nadal”. A continuación foi a quenda das profesoras que representaron un conto onde explicaban por que o Ratiño Pérez lle deixa agasallos ós nenos/as a cambio dos seus dentes. Tamén participaron os pais e nais cantando e bailando unha canción en homenaxe a Miliki. E por último viñeron os Reis Magos a facerse fotos cos nenos e deixarlles unha bolsa de lambonadas. A este festival asistiron o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, e os concelleiros do grupo socialista, Isabel González e Francisco Doval.
No caso da escola infantil da Madalena, os nenos e nenas actuaron e bailaron ao son da panxoliña “Cara Belén vai a burra”, tamén as mestras da escola participaron cos nenos nesta actividade. Primeiro contaron o conto do “Lobo feroz”, e despois cantaron tamén a canción do Lobo feroz. Por ultimo, as nais e pais que compoñen a ANPA da Madalena cantaron a panxoliña “A luz do Nadal”. Entre actuación e actuación dúas pallasas moi divertidas entretiveron aos asistentes. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, non quixo perderse este festival e estivo vendo as actuacións dos nenos, mestras e pais e nais.
Cada ano os festivais de Nadal fan as delicias de nais, pais e nenos e nenas que pasan unha tarde entretida e máxica na que o espírito do Nadal o enche todo, e este ano, non podía ser doutro xeito.








