Pestanas principais

Os nenos e nenas das escolas infantís de Ames celebran o Entroido

Venres, 08 de febreiro de 2013

[08-02-2013] Este venres, as escolas infantís O Bosque de Bertamiráns e A Madalena do Milladoiro celebraron as súas correspondentes festas para dar a benvida ás datas do Entroido. Os máis cativos aproveitaron esta oportunidade para lucir os seus disfraces feitos por eles mesmos. As dúas escolas acolleron cadansúa festa na que se xuntaron nenos, pais e o persoal dos centros de ensino para compartir unha xornada de bo humor con produtos típicos do entroido, música e diversión.

Por outra banda, na escola infantil da Madalena, no Milladoiro, os nenos e nenas escolleron como temática para elaborar os seus disfraces os contos infantís. Deste xeito os nenos/as disfrazáronse de pitufos, Mickey Mouse, Pinocho, os Picapedra, Branca Neves, Caperuchiña vermella, etc. A este certame asistiron o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e a concelleira Susana Mayo.

Os alumnos da Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns estrearon durante a mañá do venres os disfraces que prepararon nas aulas de plástica ao longo de toda a semana. Este ano a temática elixida para elaborar os disfraces foi os distintos elementos que hai nun bosque. En cada aula escolleuse un elemento que se pode atopar nun bosque galego. Ao festival asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín.