Pestanas principais

Os nenos e nenas da Rede Municipal de Comedores Escolares remataron o curso 2013-2014 comendo pizza e xeado

Xoves, 19 de xuño de 2014

[19-06-2014] Este xoves, 19 de xuño, rematou o curso 2013-2014 na Rede Municipal de Comedores Escolares. Os nenos e nenas clausuraron o curso escolar nos comedores escolares comendo pizza de xamón e queixo e xeado de xeo. Este menú foi elixido o pasado 4 de xuño polos propios rapaces e rapazas nunhas eleccións nas que o departamento de Educación dálles a posibilidade de elixir o menú de fin de curso. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, acompañados doutros membros da corporación municipal asistiron ao comedor do CEIP de Barouta para despedir o curso entre o alumnado amiense.

Elección do menú de fin de curso
Os pratos que compuxeron o menú de fin de curso foron elixidos o pasado 4 de xuño nunhas eleccións que se organizan todos os anos co fin de que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar.

As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. Este ano gañaron a pizza de xamón e queixo e o xeado de xeo (polo de laranxa ou limón).

O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: pizza de xamón e queixo, 270 votos; churrasco con patacas fritas, 245 votos; albóndegas con arroz e salsa de tomate, 163 votos; peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, 79 votos; polo asado con patacas fritas, 45 votos; e pescada rebozada con pasta tricolor, 18 votos. Na sobremesa, o polo de xeado impúxose con 332 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 222 votos. Os amorodos con nata acadaron 99 votos; o iogur de chocolate 98 e o biscoito tivo 70 votos.


O menú que degustaron hoxe os usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares estivo composto por ensalada rusa, pizza de xamón e queixo, e xeado de xeo (polo de laranxa ou limón). O Concello fai valer a súa representatividade para elixir o primeiro prato que compón o menú, de maneira que o segundo prato e a sobremesa son decisión dos alumnos/as e outra vén definida pola dirección da Rede Municipal de Comedores Escolares. Aínda que o curso remata mañá, 20 de xuño, este menú serviuse hoxe porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, tamén quixo despedir o curso entre o alumnado amiense e acudiu ata o comedor do CEIP de Barouta para xantar cos alumnos/as deste centro de ensino. O alcalde estivo acompañado polo concelleiro de Educación, Bernardo Moar, os concelleiros do grupo municipal socialista, José Miñones e Francisco Villaverde, así como polos concelleiros/as non adscritos/as Manuel Ferreiro e Pilar Candocia.

Por outra banda, asistiron profesores e directores/as dos cinco centros onde se presta o servizo da Rede Municipal de Comedores Escolares (CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e EEI do Milladoiro), así como a directora da escola infantil municipal O Bosque, a aparelladora municipal, representantes das empresas de monitoraxe e traballadores/as municipais do departamento de Educación.