Pestanas principais

Os nenos e nenas da rede municipal de comedores elixen o churrasco con patacas para o menú de fin de curso

Xoves, 07 de xuño de 2012

[07-06-2012] Ao igual que o curso pasado, este ano os rapaces e rapazas que comen na rede municipal de comedores escolares decantáronse polo churrasco con patacas fritas e polo xeado como menú de fin de curso. O departamento de Educación do Concello de Ames dálles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede de comedores de que elixan o menú de fin de curso, unha comida que este ano se celebrará o 21 de xuño. Estes peculiares comicios leváronse a cabo nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro.


Hoxe, a media mañá, xa se coñecía o resultado das eleccións que se celebraron onte co fin de elixir os pratos que conformarán o menú do día 21 de xuño. Este é o sétimo ano no que se celebran eleccións na rede municipal de comedores escolares para escoller os pratos cos que se quere despedir o ano académico.

As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. Co cento por cento dos votos escrutados, o churrasco con patacas fritas e o xeado (polo de limón ou laranxa) proclamáronse como os gañadores.

O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: churrasco con patacas fritas, 331 votos; pizza, 253 votos; polo asado con patacas fritas, 83 votos; peituga rebozada, 65 votos; pescada rebozada con pasta tricolor, 38 votos; garavanzos á boloñesa, 18 votos. Na sobremesa, o polo de xeado impúxose con 303 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 277 votos. O biscoito acadou 98 votos; as cereixas, 70, e os amorodos, 49.

As opcións que se deron foron as de escoller un prato e unha sobremesa. No caso do prato había seis posibilidades: garavanzos á boloñesa, polo asado con patacas fritas, churrasco con patacas fritas, pizza de xamón e queixo, pescada rebozada con pasta tricolor e peituga rebozada con arroz e salsa de tomate. A listaxe de opcións de sobremesa contiña cinco opcións que eran cereixas, xeado de corte de tres sabores, polo de laranxa ou limón, biscoito e amorodos con iogur.

A nutricionista elixe un prato

O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola dirección da rede municipal de comedores escolares. Aínda que o curso remata o día 22 de xuño este menú servirase o día 21 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.

Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais.