[18-06-2015] Os alumnos e alumnas da Escola Infantil Municipal O Bosque de Bertamiráns realizaron durante o último trimestre do curso varias actividades entre as cales destaca a excursión de fin de curso. Nesta saída puideron visitar os parques infantís de Bertamiráns. Esta actividade enmárcase dentro da programación anual da Escola infantil municipal O Bosque para o curso 2014-2015.
Os nenos e nenas de 1 a 2 visitaron o parque de Chavián e o alumnado do grupo de 2 a 3 anos estivo no parque do Ameneiral. O rapaces e rapazas desprazáronse en autobús ata os parques infantís, onde puideron xogar e tamén tiveron tempo para facer un pequeno descanso e comer algunha lambonada de merenda. A través destas actividades preténdese que os nenos e nenas coñezan o seu contorno máis próximo.
A última actividade que está prevista para este curso 2014-2015 é o festival de fin de curso que se desenvolverá este venres, 19 de xuño, na Casa de Cultura de Bertamiráns. Este festival servirá para despedir aos nenos e nenas de 2 a 3 anos, que para o próximo curso terán que comezar estudos de infantil noutro colexio.




