[01-02-2016] Este domingo, 31 de xaneiro, celebrouse o Día da Paz. Os nenos e nenas da escola infantil O Bosque, de Bertamiráns, acompañados polas súas mestras estiveron traballando ao longo da última semana do mes para aportar o seu gran de area. O obxectivo desta actividade, que se enmarca dentro da programación anual deste curso, é ensinarlle aos rapaces a importancia dos valores relacionados coa paz.
A paz foi o tema central das numerosas actividades organizadas polo profesorado da escola infantil O Bosque e no que se fixo especial fincapé neses días por mor da data de celebración que se aproximaba. Dende o profesorado buscouse reforzar as mostras de cariño, de empatía e animar aos alumnos e alumnas a que continúen axudándose entre si e compartindo os uns cos outros. As actividades están pensadas para achegar a nenos e nenas de idades tan temperás a comprender un pouco mellor que implica o termo “paz”.
Entre as actividades que se levaron a cabo, unha delas foi que os nenos e nenas debuxaran cadansúa flor de papel, enchendo os pétalos con distintos materiais. As flores foron pegadas formando un gran símbolo da paz que as mestras colgaron na entrada da escola. Pequenos e pequenas puideron así tomar parte na celebración e comezaron a interiorizar as actitudes e comportamento que implica unha convivencia en paz.
As escolas infantís municipais de Ames fan moitas actividades lúdicas durante o ano nas que os nenos e nenas ademais de divertirse, se educan en valores e aprenden novas cousas sobre o mundo que os rodea. Entre as actividades que fan está a vendima, o magosto, o Samaín, a celebración do Día da Paz etc.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Los más pequeños de Ames comparten mensajes por la Paz"




