Pestanas principais

Os nenos e nenas da Escola Infantil O Bosque conmemoran o Día do Libro con visitas á Biblioteca Municipal

Luns, 23 de abril de 2012

[23-04-2012] Os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal O Bosque de Bertamiráns celebran con diversas actividades o Día Internacional do Libro, que se conmemora en todo o mundo. Na xornada de hoxe, o patio da escola acolleu unha exposición de contos, que ten como obxectivo que os rapaces poidan lelos e familiarizarse con eles. Durante esta semana os pais e nais poderán ver unha reportaxe fotográfica de todas as actividades que realizaron os nenos/as con motivo do Día do Libro.


Co fin de achegalos ao mundo dos libros e de fomentar o seu interese pola lectura, na última semana os alumnos da escola realizaron varias saídas en grupo para experimentar un primeiro contacto coa Biblioteca Municipal de Ames. Os nenos, que se desprazaron en autobús, puideron escoitar o conto 'A que sabe a lúa', da editorial Kalandraka. Ademais, o persoal da Biblioteca Municipal puxo ao seu alcance numerosos contos, que puideron gozar durante toda a súa visita ás instalacións.

No marco das celebracións con motivo do Día do Libro, a Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns tamén levou a cabo outras actividades pensadas para os máis pequenos. Deste xeito, na última semana os rapaces puideron levar dos seus fogares os contos que máis lles gustan para poder compartilos cos seus compañeiros de clase.

Esta actividade forma parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola Infantil Municipal O Bosque. Esta semana, os pais e nais poden ver unha reportaxe fotográfica de todas estas actividades na porta de entrada á escola e os que queiran poderán facer copias das fotos que máis lles gusten.