Pestanas principais

Os nenos e nenas da escola infantil O Bosque celebraron o Magosto

Luns, 21 de novembro de 2011

[21-11-2011] A Escola Infantil Municipal O Bosque está celebrando durante o mes de novembro a chegada do outono. Que mellor xeito de festexar a chegada desta estación que organizando un magosto. A castaña foi a auténtica protagonista desta festividade. Pero ademais de poder degustar este saboroso produto os cativos gozaron rompendo varias piñatas cheas de follas secas e bailando ao son da música. Ao longo de toda a semana pasada os nenos e nenas estiveron realizando diferentes produtos de sobremesa que comeron na festa deste venres. Durante esta semana os pais e nais poderán ver unha reportaxe fotográfica de todas estas actividades.

Durante as últimas semanas os pequenos e pequenas da Escola Infantil Municipal O Bosque de Bertamiráns estiveron traballando e realizando diferentes actividades relacionadas coa chegada do outono. Durante a semana pasada os cativos da Escola infantil municipal O Bosque visitaron o Pazo da Peregrina para recoller follas secas e observar os cambios que se producen na natureza durante esta estación. Estas follas empregáronas despois nos obradoiros de outono que realizaron. Para desenvolver os obradoiros tamén empregaron material de refugallo facilitado polas familias e pola propia escola. As follas tamén as empregaron para facer as piñatas. Ademais, ao longo de toda a semana pasada, os nenos e nenas estiveron traballando na preparación da festa do magosto que celebraron este venres.


Dende o luns ata o xoves os cativos e cativas estiveron cociñando diferentes produtos de sobremesa que comeron na festa. Os pais e nais proporcionáronlle varias receitas de cociña para que os rapaces e rapazas puideran cociñar diferentes sobremesas. Cada clase fixo unha lambonada seguindo as pautas das receitas máis sinxelas que anteriormente escolleron. Pero ademais das lambonadas os nenos e nenas puideron gozar do produto estrela do outono: a castaña. Nesta festa houbo tamén houbo piñatas cheas de follas secas e música para bailar.

A actividade forma parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola Infantil Municipal O Bosque. Esta semana os pais e nais poden ver unha reportaxe fotográfica de todas estas actividades na porta de entrada á escola e os que queiran poderán facer copias das fotos que máis lles gusten. Premendo na ligazón que hai ao pé desta nova poderás descargar o receitario de outono do curso 2011-2012.