[01-02-2013] Debido a que o pasado 30 de xaneiro se celebrou o Día Internacional da Paz, os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal O Bosque, ao igual que os rapaces da maioría das escolas infantís galegas, estiveron durante toda esta semana falando e realizando diferentes actividades relacionadas con este tema. O alumnado tamén participou en varios obradoiros para elaborar árbores con pombas, corazóns con fotos e con pegadas das mans dos nenos/as pintadas de branco. Esta foi a fin dunha serie de actividades organizadas pola escola infantil para ensinarlle aos rapaces a importancia dos valores relacionados coa paz.
Durante toda esta semana pasada, os rapaces e rapazas da escola infantil O Bosque estiveron preparando ao seu xeito a celebración do Día Internacional da Paz. Cada unha das aulas elaborou nos últimos días unha pequena manualidade para conmemorar este día.
Os cativos/as de 0 a 1 anos realizaron unha árbore na que había pombas pousadas e arredor das ramas. O grupo de nenos e nenas 1 a 2 anos fixeron un corazón cheo de fotos dos nenos/as dándose abrazos e bicos, mentres que o grupo de rapaces e rapazas de 2 a 3 anos elaboraron outro corazón, pero esta vez cheo de pegadas de mans pintadas de branco dos propios nenos e nenas. O irse para casa todos levaron un corazón pintado na meixela que poñía PAZ.
Ademais do traballo manual, os cativos do Bosque realizaron durante a semana diferentes actividades nas que traballaron valores sinxelos e fáciles de lembrar relacionados coa paz, tales como as ideas de compartir, dar cariño, obedecer, axudar ou non pegar ao resto dos seus compañeiros.
Todas as actividades levadas a cabo na Escola Infantil Municipal O Bosque con motivo do Día Internacional da Paz están reflectidas nas fotografías que se tomaron durante toda a semana e que xa están expostas na entrada da escola. Deste xeito, todos os pais e nais que o desexen poderán ver como traballaron os seus fillos arredor desta temática e continuar con esa labor nas súas casas para reforzar o que xa aprenderon.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Os nenos da escola infantil O Bosque en Ames celebraron o día da Paz"




