Pestanas principais

Os nenos e nenas da escola infantil O Bosque celebran o Día Internacional da Paz

Domingo, 30 de xaneiro de 2011

[30-01-2011] Con motivo da celebración do Día da Paz os cativos da Escola Infantil Municipal O Bosque, de Bertamiráns, realizaron distintas actividades para conmemorar este día. Así, os cativos realizaron ao longo de toda esta semana diferentes manualidades e murais nos que se reflectiron o significado de valores tan importantes como compartir, axudar, ou non pegar aos compañeiros. Durante a próxima semana haberá unha exposición fotográfica destas actividades para que os pais teñan a oportunidade de velas e realizar copias das mesmas.

Os cativos da Escola Infantil Municipal o Bosque celebraron un ano máis o Día Internacional da Paz. Para esta celebración, os preparativos leváronse a cabo durante toda a semana, creando, sempre con material reciclado, diferentes manualidades e murais que de forma sinxela, á vez que divertida, lle poidan explicar aos rapaces valores tan relacionados coa paz como axudar, compartir, ou non pegar aos compañeiros. Conceptos que se traballan ao longo de todo o ano, pero que nestas datas sempre se reforzan.

Este ano con distintos materias como pintura, papeis de distintas texturas, material de refugallo, etc, decoraron as letras que forman a palabra PAZ. Cada grupo de idade escolleu unha letra: 0-1 anos a letra P, 1-2 anos a letra A, 2-3 anos a letra Z e decorárona con distintos materiais e sempre en función de cada idade. Ao remate puxéronas na entrada da gardería para que todos souberan que día era hoxe.

En cada grupo de idade, dentro do apartado de plástica, cada neno/a elaborou axudado pola mestra e educadora unha manualidade que levará para casa para ensinarlle as súas familias. Para rematar as educadoras preparáronlle aos cativos unha festa con moitos globos. Tamén puideron degustar algún petisco.

A través deste tipo de actividades inténtase traballar conceptos moi sinxelos e sobre todo actitudes cara os demais: compartir xoguetes, xogar con todos, non pegar, etc, aspectos que aínda que se traballar diariamente ao longo de todo o ano parece que nestes días alcanza maior importancia.

Todas as actividades levadas a cabo na Gardería Municipal O Bosque con motivo do Día Internacional da Paz están reflectidas nas fotografías que se tomaron durante toda a semana e que xa están expostas na entrada da escola. Deste xeito, todos os pais e nais que o desexen poderán ver como traballaron os seus fillos arredor desta temática e continuar con esa labor nas súas casas para reforzar o que xa aprenderon. Aqueles que o desexen tamén poderán facer copias destas fotografías.