[04-01-2016] Un ano máis os nenos e nenas de 2 a 3 anos da Escola Infantil Municipal O Bosque visitaron a oficina de Correos de Bertamiráns para enviarlles aos Reis Magos as cartas que estiveron facendo na escola. Ademais, coñeceron de primeira man o funcionamento dunha oficina de Correos. O obxectivo desta actividade, que se enmarca dentro da programación anual deste curso, é aprender como funciona unha oficina de Correos.
Aproveitando esta visita os empregados da oficina de Correos ensináronlles aos nenos e nenas as instalacións e explicáronlles como facían para que as cartas chegasen ata os Reis Magos e así estes soubesen que agasallo quere cada neno/a.
O alumnado do Bosque puido coñecer o proceso que seguen as carta ata chegar o seu destino. Primeiro puxéronlle o selos e cuñáronas. A continuación, metéronas no buzón de correos e trasladáronas nos carriños que levan os encargados de correos. Ademais, ensináronlles a moto de reparto e puideron subir nela. Ao rematar a visita, os nenos/as e as mestras volveron en autobús á escola para seguir con normalidade as actividades de cada día.
As escolas infantís municipais de Ames fan moitas actividades lúdicas durante o ano nas que os nenos e nenas ademais de divertirse, se educan en valores e aprenden novas cousas sobre o mundo que os rodea. Entre as actividades que fan está a vendima, o magosto, o Samaín, etc.




