Pestanas principais

Os nenos e nenas da Escola infantil municipal O Bosque celebraron a festa do Magosto

Mércores, 12 de novembro de 2014

[12-11-2014] A Escola infantil municipal O Bosque está celebrando durante o mes de novembro a chegada do Outono. Unha das actividades que se enmarca nesta celebración é a festa do Magosto. As mestras explicáronlle aos rapaces e rapazas os cambios que se producen na paisaxe durante esta estación e probaron diferentes produtos do Outono: noces, abelás, kiwis, mandarinas, granadas, mazás, etc. Nesta celebración tamén participaron os pais e nais dos alumnos/as. Deste xeito, levaron para a escola varias receitas coas que fixeron o Receitario de Outono de 2014. Por último, organizaron a festa do Magosto onde comeron castañas asadas e os diversos produtos que elaboraron seguindo as receitas que trouxeron das súas casas. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás descargar o Receitario de Outono de 2014.

Durante as últimas semanas os nenos e nenas da Escola infantil municipal O Bosque de Bertamiráns estiveron traballando e realizando diferentes actividades relacionadas coa chegada do Outono, tal e como se recolle na programación anual e trimestral desta escola. As mestras e educadoras explicáronlle aos rapaces e rapazas os cambios que se producen na paisaxe durante esta estación. O obxectivo destas actividades é que os nenos e nenas se decaten de que xa pasou o verán e estamos na estación do Outono.

Nesta celebración tamén participaron os pais e nais do alumnado. Deste xeito, dende a escola pedíuselle que levarán da casa distintos produtos de Outono (noces, abelás, kiwis, mandarinas, granadas e mazás), para que os nenos e nenas puidesen velos, ulilos, manipulalos e probalos. Ademais, os rapaces e rapazas escoitaron varios contos de Outono e algún deles representáronos.

Por último, para estar en contacto coa natureza os nenos e nenas desta escola realizarán unha visita ao Pazo da Peregrina. Esta actividade non puideron realizala nas primeiras semanas de novembro por motivos climatolóxicos. Nesta excursión o alumnado de 2 a 3 anos poderá recoller follas secas e ollar diferentes variedades de cogomelos.

Receitario de Outono
Por outra banda, os nenos e nenas elaboraron un receitario de Outono. Os pais e nais levaron varias receitas de cociña para que os rapaces e rapazas puideran cociñar diferentes produtos. Cada clase elixiu unha receita sinxela para elaborar no taller de cociña e despois poder saboreala o día da festa do Magosto. Pero ademais destas lambonadas os nenos e nenas puideron gozar do produto estrela do outono: a castaña. Nesta festa tamén houbo diferentes xogos, piñatas de follas secas e música para bailar.

Estas actividades forman parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola infantil municipal O Bosque. Os pais e nais poderán ver unha reportaxe fotográfica de todas estas actividades na porta de entrada á escola e os que queiran poderán facer copias das fotos que máis lles gusten. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás descargar o Receitario de Outono de 2014.