Pestanas principais

Os nenos e nenas da Escola infantil municipal O Bosque celebraron en marzo o mes da música

Martes, 31 de marzo de 2015

[31-03-2015] A música foi o tema central arredor do que xiraron as actividades do mes de marzo na Escola infantil Municipal O Bosque de Bertamiráns. Os nenos e nenas participaron en varios obradoiros sobre diferentes estilos de música (galega, clásica, infantil e pop). Os pais e nais dos nenos/as participaron nesta iniciativa achegándose á escola a tocar diferentes instrumentos. Durante esta semana os pais e nais poderán ver unha reportaxe fotográfica de todas as actividades que realizaron os nenos/as durante o mes da música.


Na Escola infantil municipal O Bosque dedicaron o mes de marzo a amosarlles aos nenos e nenas do centro o apaixonante mundo da música. A través de diferentes actividades tratáronse estilos como a música tradicional de Galicia, o pop, a música clásica ou as cancións infantís. Nos obradoiros escoitaron mostras deste tipo de música, aprendendo despois os rapaces algunha canción ou melodía representativa.

Ao longo destes días o alumnado participou en obradoiros nos que empregaron diferentes instrumentos, que levaron das súas casas ou que había na propia escola. Tamén fabricaron diferentes instrumentos con material de refugallo. Así fixeron unhas maracas con vasos de iogur ou botellas de auga, que encheron con garavanzos, lentellas ou azucre para imitar distintos sons.

Ademais, os nenos e nenas puideron gozar da música “en vivo”, grazas aos pais e nais que se achegaron pola escola para tocar pezas musicais con distintos instrumentos (batería, teclado, guitarra, gaita, pandeireta, saxo, etc). A cada persoa que participou nesta actividade entregóuselle como agradecemento un diploma de participación no que aparecen fotos de recordo do seu paso por este mes da música na escola. Moitos pais e nais apuntáronse con ganas de tocarlles algunhas pezas aos fillos, e amosaron así a súa disposición a participar nesta iniciativa.

Esta actividade forma parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola Infantil Municipal O Bosque. Esta semana, os pais e nais poden ver unha reportaxe fotográfica de todas estas actividades na porta de entrada á escola e os que queiran poderán facer copias das fotos que máis lles gusten.