Pestanas principais

Os nenos e nenas da escola infantil municipal O Bosque celebran a quincena do libro

Mércores, 26 de abril de 2017

[26-04-2017] O alumnado da escola infantil municipal O Bosque está realizando diversas actividades que se enmarcan dentro da quincena do libro. Os nenos/as levaron o seu libro favorito á escola para compartilo cos seus compañeiros/as. Os avós e avoas dos rapaces e rapazas de 1 a 2 anos e as profesoras de Kinds & US visitaron a escola para contar historias moi divertidas. Asemade, no marco da quincena do libro os nenos e nenas tamén celebraron o día do libro cunha gran festa no patio da escola.

Durante o mes de abril a escola infantil municipal do Bosque dedicou dúas semanas á realizar diversas actividades relacionadas co día do Libro. Cada neno/a trouxo da súa casa o conto que máis lles gusta para compartilo cos seus compañeiros/as durante toda a semana. Así, formouse unha biblioteca temporal e itinerante polas diversas aulas con todo tipo de contos.

Por outra banda, invitouse aos avós e avoas do grupo de 1 a 2 anos a que se acercaran a escola a contar un dos contos que coñecen. Como todos os anos foi unha experiencia moi positiva. Tamén visitaron á escola as profesoras de Kinds & US para contar unhas historias moi divertidas acompañadas de cancións en inglés. Os nenos e nenas estiveron moi participativos.

Dende a escola infantil municipal O Bosque indican que “esta experiencia, que está dirixida aos nenos/as de 2 a 3 anos, é o segundo ano que se realiza, e a verdade hai que agradecerllo ás persoas que o fan posible porque é sumamente enriquecedora para os rapaces e rapazas e moi divertida”.

Por ultimo, o venres 21 celebraron unha gran festa no patio da escola. As profesoras da escola contaron contos e os nenos/as compartiron e gozaron de todos os contos que trouxeron das súas casas.