Pestanas principais

Os nenos e nenas da escola infantil municipal A Madalena están traballando coa temática dos oficios e coñeceron o traballo que se realiza nunha oficina de Correos

Mércores, 05 de abril de 2017

[05-04-2017] Os nenos e nenas da escola infantil municipal A Madalena estiveron traballando coa temática dos oficios durante as últimas semana. Dentro desta unidade didáctica enmárcase a visita que fixeron a oficina de Correos para coñecer o traballo desenvolvido polos carteiros e carteiras que traballan neste lugar. O alumnado aprendeu a matar selos e a botar cartas na caixa de correos. Cada neno e nena enviou unha carta co se nome para recibila na súa casa. Ademais, dentro da unidade de oficios unha ambulancia da UCI móbil visitou a EIM A Madalena.

Ao longo do pasado mes de marzo os nenos e nenas da escola municipal da Madalena estiveron traballando a unidade didáctica dos oficios. Deste xeito, recibiron a visita de dous axentes da Policía Local de Ames, que se achegaron ata este centro educativo para falarlles da súa profesión. Ademais, mostráronlle aos alumnos e alumnas a súa identificación, o seu uniforme, o silvato policial, e mailas esposas que sempre levan con eles.

Por outra banda, realizaron unha visita á oficina de Correos do Milladoiro para que o alumnado puidera coñecer de preto o traballo que realizan os carteiros e carteiras neste lugar. Uxía e Puri atenderon aos nenos e nenas moi amablemente e axudáronos a matar selos, a botar cartas na caixa de correos, e agasalláronos cuns caramelos e uns libros sobre o funcionamento de Correos. Asemade, cada neno/a enviou unha carta co seu nome para poder recibila na súa casa.

Por último, o pai dun dos alumnos da Madalena visitou este centro educativo nunha ambulancia da UCI móbil. Os nenos e nenas puideron medir a saturación de osixeno en sangre, fixéronlle un electro a un dos seus compañeiros e puideron manipular un AMBU (bolsa de resucitación cardiopulmonar). Tamén se deitaron na camilla e puideron reanimarse uns aos outros. Ademais como non podía ser doutra forma viron as luces e puideron escoitar o son da serea da ambulancia, que todos e todas recoñecen perfectamente.