Pestanas principais

Os nenos e nenas da escola infantil A Madalena celebraron o Magosto

Sábado, 12 de novembro de 2011

[12-11-2011] A Escola Infantil Municipal A Madalena está celebrando durante o mes de novembro a chegada do outono. Que mellor xeito de festexar a chegada desta estación que organizando un magosto. A castaña foi a auténtica protagonista desta festividade. Pero ademais de poder degustar este saboroso produto os cativos e cativas gozaron cantando e bailando ao son da música. Ademais, os rapaces e rapazas de 2 a 3 anos fixeron diferentes utensilios (coroas de castañas, cucuruchos e caixas para as castañas) para empregar no magosto. Tamén elaboraron diferentes instrumentos (guitarras, trompetas e axóuxeres) para tocar durante a festa.


Os pequenos e pequenas da Escola Infantil Municipal A Madalena do Milladoiro estiveron traballando, aprendendo e gozando ao mesmo tempo que prepararon o magosto que celebraron o día 11 de novembro. Durante o mes de novembro o alumnado e o profesorado deste centro de ensino estiveron traballando sobre a chegada do outono e preparando a festa típica desta época: o magosto. Todas as actividades xiraron arredor desta temática.

Dende o luns 7 ata o xoves 10 de novembro os cativos/as prepararon a festa do magosto. Para iso realizaron diferentes utensilios que posteriormente empregaron na festa. Os rapaces e rapazas de 2 a 3 anos, do grupo A, fixeron unha cora de castañas, mentres que os do grupo B encargáronse de facer cucuruchos. Por último, os cativos e cativas do grupo C, empregaron cartóns de leite baleiros para facer caixas pequenas onde botar as castañas. Ademais, colocáronlle un cordón ás caixas para poder colgalas do pescozo.


Tamén elaboraron diferentes instrumentos (guitarras, trompetas e axóuxeres) para empregar na festa. Os pais e nais axudaron aos seus fillos/as facilitándolles todo o material necesario para desenvolver estas actividades. Deste xeito os pequenos e pequenas trouxeron das súas casas todo tipo de material como cartóns de leite baleiros, cordóns... e o máis importantes as castañas.

Despois dunha semana traballando, o alumnado e o profesorado da gardaría celebraron o magosto. Nesta festa os cativos e cativas gozaron cantando e bailando ao son da música. E como non podía ser doutro xeito, tamén comeron castañas e pintaron a cara coa cinza deste saboroso produto de outono. A actividade forma parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola Infantil Municipal a Madalena.