Pestanas principais

Os nenos e nenas da escola infantil da Madalena axudan ao mantemento do monte escolar de Trasmonte

Venres, 07 de abril de 2017

[07-04-2017] Este venres pola mañá o alumnado de 2 a 3 anos da escola municipal da Madalena do Milladoiro achegáronse ata o monte escolar de Trasmonte para axudar nas labores de mantemento deste espazo municipal que foi cedido por dúas veciñas amesáns. Deste xeito, contribuíron de xeito simbólico á labor que comezaron os rapaces e rapazas dos centros escolares de Ames hai 10 anos neste lugar. Así, dáselle continuidade tamén ao traballo de micorrización, a través da introdución de inóculo de fungos comestibles (boletus edulis) no terreo, que se realizou o pasado 25 de marzo con motivo do Día Mundial da Árbore.

O obxectivo desta actividade é fomentar o uso sostible do monte. Non só é importante realizar plantacións no monte se non tamén coidar das árbores plantadas. O monte escolar sitúase no lugar de Carballo, na parroquia de Trasmonte. Ocupa dúas parcelas que foron cedidas ao Concello por dúas veciñas amesás, Socorro García e Fina Casas. Nel o departamento de Medio Ambiente organiza actividades coas que quere ensinar e involucrar tanto ao alumnado dos centros de ensino coma aos veciños/as nun proxecto de valorización do noso monte.

Deste xeito, na mañá deste venres os rapaces e rapazas de 2 a 3 anos da escola infantil municipal da Madalena achegáronse ata o monte escolar para realizar traballos de mantemento e continuar coas labores que se realizaron o pasado 25 de marzo con motivo do Día Mundial da Árbore.

Cómpre lembrar que con motivo de dita efeméride realizou unha actividade de micorricación a través da introdución de inóculo de fungos comestibles (boletus edulis) no terreo de dito monte. O micelio do fungo (en concreto o boletus edulis) esténdese por debaixo da terra favorecendo o desenvolvemento das raíces das árbores e mailo nacemento de cogomelos nas parcelas do monte escolar. Está demostrado que a asociación dos fungos da terra e das raíces das árbores é beneficiosa para ambas partes.

Este ano cúmprese unha década dende que o alumnado dos centros de ensino de Ames plantarán ás primeiras árbores nestas parcelas do monte escolar, despois da vaga de incendios forestais que asolaron Galicia durante o verán de 2006. Trátase de contribuír de xeito simbólico á labor que comezaron os rapaces e rapazas amesáns hai 10 anos realizando un aproveitamento complementario do monte.