[27-07-2015] Os nenos e nenas que participan na Escola de Verán de Bertamiráns participaron na campaña "Ponlle as pilas ao teu bocata", que está xestionada pola Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, en colaboración coas Consellerías de Educación e Sanidade e a agrupación empresarial ANFACO-CECOPESCA. Esta campaña pretende achegarlle aos nenos e nenas toda a información relacionada cos produtos do mar, coas conservas e coa correcta alimentación. Durante o mes de agosto os rapaces e rapazas da Escola de Verán do Milladoiro tamén recibirán a visita dos monitores/as desta campaña.
Co obxectivo de promover os beneficios dunha dieta equilibrada entre os escolares e ao mesmo tempo dar a coñecer as múltiples virtudes e beneficios das conservas de produtos do mar, a Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coas Consellerías de Educación e Sanidade e a agrupación empresarial ANFACO-CECOPESCA, puxeron en marcha unha nova edición da campaña 'Ponlle as pilas ao teu bocata'.
Esta campaña fixo parada no concello de Ames. Os nenos e nenas que participan na Escola de Verán puideron coñecer máis polo miúdo a importancia nutritiva dos produtos do mar, o proceso de elaboración das conservas e as especias que se empregan na súa elaboración. En primeiro lugar, os usuarios/as da Escola de Verán de Bertamiráns escoitaron unha explicación divertida sobre os beneficios dunha dieta equilibrada na que se inclúen os produtos do mar.
Ter unha dieta rica e equilibrada é fundamental para medrar. Os rapaces e rapazas aprenderon que levar unha alimentación axeitada, completa e variada achégalle a enerxía necesaria para poder facer o que máis lle gusta durante todo o día. Tras unha breve reflexión sobre os alimentos que os rapaces deben consumir para ter unha boa alimentación e sobre os produtos do mar en conserva, os nenos e nenas participaron en diferentes xogos.
Por último, os rapaces e rapazas puideron elaborar un bocadillo ao seu gusto. Os nenos e nenas puideron escoller diferentes produtos do mar en conserva coma atún en aceite, mexillóns en escabeche ou sardiñas pequenas enlatadas. Ademais, puideron completar os seus bocadillos con produtos frescos coma leituga, tomate, cenoria, cebola, olivas, queixo, etc.





