Pestanas principais

Os nenos e nenas da Escola de Verán do Milladoiro e do programa Concilia Verán de Padrón participan nunha xornada de convivencia

Venres, 05 de agosto de 2011

[05-08-2011] Os cativos e cativas da Escola de Verán do Milladoiro e os do programa Concilia Verán de Padrón tiveron onte unha gran sorpresa. Os rapaces puideron gozar dunha xornada de convivencia, cunha sesión de maxia, xogos e circuítos de actividades. Os amplos sorrisos, a ledicia e as ganas de coñecer amizades novas foron as pautas que marcaron toda a xornada.


Laura, unha das coordinadoras da Escola de Verán de Milladoiro, contábanos que a temática a tratar no presente mes era a do circo, e que, por ese motivo, decidiron convidar os compañeiros e compañeiras de Padrón e que todos xuntos puidesen gozar dunha entretida xornada, amenizada coa presenza dun mago e con diversas actividades, como globoflexía e maquillaxe.

A esta actividade acudiron tamén os concelleiros de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, e o de Comercio e Promoción Económica, Bernando Moar. O propio Alfonso relatábanos que é de vital importancia que os rapaces e rapazas de localidades próximas tiveran relación entre si desde pequenos, "xa que os eventos que antes unían a xente de diferentes sitios foron desaparecendo e agora hai que buscar formas novas".


Por segundo ano consecutivo, os cativos e cativas da Escola de Verán do Milladoiro e uns 50 rapaces e rapazas do programa Concilia Verán de Padrón gozaron dunha xornada de convivencia protagonizada por diferentes actividades. Este ano foi unha sorpresa para todos, xa que se mantivo en segredo ata que se atoparon no pavillón polideportivo do Milladoiro ás dez da mañá. Todos e todas sabían que terían unha grata sorpresa pero descoñecían cal era. Desde a súa chegada, estiveron realizando diversos circuítos de actividades e de  xogos e puideron gozar dunha sesión de maxia que fixo as delicias de todos os presentes, tanto nenos como adultos.