Pestanas principais

Os nenos e nenas da Escola de Verán deseñarán nesta quincena o seu parque ideal

Mércores, 20 de xullo de 2016

[20-07-2016] A semana pasada finalizou a primeira quincena da Escola de Verán, un programa de conciliación que contou coa inscrición total de 364 nenas e nenos repartidos entre Bertamiráns e O Milladoiro. Nesta segunda quincena a Escola de Verán retoma as súas actividades coa participación de 236 rapazas e rapaces. O Milladoiro acolle desta vez a 122 usuarios/as e Bertamiráns a 114. Se na primeira parte do mes os rapaces e rapazas analizaron os seus colexios e deseñaron o seu “cole” ideal, nesta segunda quincena volverán a súa mirada aos parques e ao deseño das cidades.


“As cidades son para xogar” é o lema da Escola de Verán durante esta segunda quincena do mes de xullo. Unha das monitoras de Ágora Aberta -a empresa organizadora deste programa de conciliación- explica que, desta volta, seguirase unha dinámica “moi similar á de comezos de xullo, pero centrándonos na análise dos parques e, a través deles, do deseño das cidades”.

Como na quincena anterior formaranse equipos de “investigación” no Milladoiro e en Bertamiráns, encargados de analizar os parques onde as nenas e nenos se divirten e xogan habitualmente. Falarán daquilo que cren que lles falta e de como se poderían mellorar e “deseñarán o seu propio parque, construíndo unha maqueta”. Todas as decisións en torno á construción e deseño deberán tomarse “por consenso”. Os equipos terán que “debater, poñerse de acordo e os membros deberán aprender a escoitarse os uns aos outros”.

A construción dun parque por parte dos rapaces e rapazas derivará en reflexións conxuntas sobre como están construídas as cidades. Os monitores e monitoras explican que “sempre se aprende moito das visións que teñen as nenas e nenos”. Como exemplo poñen o deseño que estes fixeron, na pasada quincena, do seu colexio ideal. “Engaden máis zonas verdes, árbores no patio, poñen moitas papeleiras e ramplas para axudar as nenas e nenos de Educación Infantil, e tamén ás crianzas con problemas de mobilidade, a desprazarse mellor polo seu centro”. Nesta quincena da Escola de Verán falarase do deseño das cidades, centrado moitas veces en favorecer a circulación de vehículos “no canto das persoas”.

Ademais destas actividades rapazas e rapaces achegaranse ata as piscinas municipais para xogar na auga, o que máis lles gusta “sobre todo nestes días nos que fai tanto calor”. Xogarán a xogos tradicionais, aprenderán a través das actividades de DiverCiencia e farán algunha pequena excursión, similar á que se realizou ao Pazo da Peregrina a comezos de xullo.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Imaxinación ó poder para crear os seus propios parques"