[31-08-2011] Xogos, cancións e moito circo marcaron a penúltima xornada da Escola de Verán do Milladoiro. O grupo de malabares Brincadeira estivo facendo as delicias dos nenos e nenas, nun espectáculo cheo de humor e sorrisos. A festa de fin de curso da Escola de Verán terá lugar este mércores, 31 de agosto, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, cun espectáculo musical, lambonadas e xogos escollidos polos propios rapaces e rapazas.
Diferentes xogos, moitos sorrisos, caras de ledicia, malabares e algún que outro paracaídas amenizaron a xornada do martes dos máis de oitenta nenos e nenos da Escola de Verán do Milladoiro. Para clausurar o ciclo de circo, ao que estivo dedicado este mes, invitouse ao grupo malabar Brincadeira que fixo as delicias de todos os nenos e nenas entre sorrisos e aplausos.
Este mes circense, os cativos e cativas exploraron este máxico mundo e incluso veu unha rapaza a ensinarlles malabares aos máis maiores que en apenas hora e media xa os facían perfectamente. E nesta xornada do martes, a maxia, os xogos de malabarismo e as actuacións en monociclo, transformaron a Casa da Cultura do Milladoiro nun gran espectáculo circense.
Para este mércores queda a festa final, que terá espectáculo musical, moitas lambonadas, globoflexia, maquillaxe e diferentes xogos, esta vez escollidos polos propios rapaces. E é que durante este ano a Escola de Verán deu para moito: manualidades, bailes, xogos, filmes e, sobre todo, diversión en cantidades industriais. Esta edición desenvolveuse entre os meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres. O balance é moi positivo e a meirande parte dos rapaces que estaban apuntados asistiron con asiduidade, fomentando a interacción, colaboración e respecto entre eles.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Finalizan las actividades lúdicas para Ames, Boqueixón y A Baña"