[21-07-2011] Este mércores celebrouse o Día do Amigo e os nenos das escolas de verán do concello de Ames non esqueceron esta data. Por iso, con motivo desta celebración onde a amizade adquire unha maior importancia, os rapaces e rapazas da Escola de Verán de Bertamiráns e Milladoiro realizaron actividades relacionadas coa igualdade, a solidariedade e a tolerancia.

O día comezou para os pequenos e pequenas das escolas de verán amienses cunha reflexión e explicación por parte dos seus monitores sobre o verdadeiro significado da amizade. Os nenos e nenas ofreceron a súa propia experiencia e, na súa maioría, definiron o amigo como "a persoa coa que xogas e te divirtes".
Porén, a teoría non é suficiente para que os rapaces e rapazas coñezan o que é a amizade. Despois de falar sobre os amigos, levaron a práctica aqueles coñecementos que aprenderon ao longo da mañá. Por unha banda, os máis cativos fixeron cadros de area onde os animais se converteron nos amigos dos máis pequenos. O resto da rapazada contou con sesións de conta contos e coa realización de murais onde o leit-motiv foron os amigos. Tamén houbo sitio para os xogos onde os nenos e nenas amienses gozaron da boa compañía dos seus compañeiros. Dende a Escola de Verán de Milladoiro e Bertamiráns preténdese que os pequenos do concello xoguen e se divirtan xuntos para que aprendan valores como a solidariedade e a tolerancia e que saiban traballar en equipo.
Segunda quenda da Escola de Verán
Esta semana comezou a segunda quenda das actividades da Escola de Verán de Bertamiráns e do Milladoiro. Cunha participación de arredor de 130 rapaces e rapazas en ámbolos dous servizos, os nenos e nenas continúan poñendo en práctica a primeira parte do programa lúdico que consiste na aprendizaxe de valores educativos que favorezan o seu crecemento saudable.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Un divertido Día del Amigo en Ames"
La Voz de Galicia: "La Escola de Verán celebró el Día do Amigo"




