Pestanas principais

Os nenos e nenas da Escola de Verán animan aos ciclistas de la Vuelta a España

Venres, 31 de agosto de 2012

[31-08-2012] Este venres rematou unha nova edición da Escola de verán, un programa que permite a conciliación da vida familiar e laboral e que está destinado a nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria. Este programa desenvolveuse durante os meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas. Nesta última xornada, os nenos e nenas do Milladoiro participaron nunha festa de auga, mentres que en Bertamiráns os rapaces e rapazas saíron a ver aos ciclistas de La Vuelta a España, que pasaron por esta localidade camiño de Negreira.


La Vuelta a España

Durante a última xornada da Escola de verán os nenos e nenas gozaron do bo tempo e participaron en varios xogos. Os rapaces e rapazas do Milladoiro participaron nunha festa de auga. Por outra banda os nenos e nenas de Bertamiráns dedicaron este último día de actividades a ver unha película, xogar cos compañeiros/as e ver aos ciclistas de La Vuelta a España, que este venres pasaron pola localidade de Bertamiráns.

Os nenos e nenas de Bertamiráns traballaron arreo durante toda esta semana para preparar as pancartas e bandeirolas coas que animaron aos ciclistas que participan este ano en La Vuelta ciclista a España. Os nenos e nenas de 3 e 4 anos elaboraron unhas bandeirolas coas que animaron aos ciclistas, mentres que os nenos e nenas de 5 e 6 anos prepararon varias pancartas. Ademais, os rapaces e rapazas de 7 a 12 anos disfrazáronse de ciclistas cunha camiseta amarela, casco e gafas de sol.


O mes de agosto chega ao seu fin e con el a Escola de verán. Durante os meses de xullo e agosto uns 350 nenos e nenas beneficiáronse deste programa que pretende ser unha alternativa para que os cativos pasen as súas vacacións dun xeito divertido e educativo. Ademais permítelles ás nais e aos pais conciliar a vida laboral e familiar. A Escola de verán está dirixida aos nenos e nenas que cursaron segundo ciclo de infantil e educación primaria. O servizo desenvolveuse nos meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas.

As actividades que se desenvolveron xiraron ao redor dunha temática única, tanto para os nenos e nenas de Bertamiráns coma para os do Milladoiro, que tivo como lema Unha viaxe a través da historia. As actividades abordáronse con material específico para as idades dos rapaces participantes e estiveron acompañadas de exemplos gráficos, obradoiros e visitas didácticas como a que realizaron esta mesma semana á exposición “Gallaecia Petrea”, que está instalada no Museo de Galicia da Cidade da Cultura.

As actividades que se desenvolveron nestas nove semanas de Escola de verán centráronse nun determinado tema, pero sempre estiveron relacionadas coa temática central: a historia. A primeira etapa que se abordou foi a prehistoria. Os nenos/as elaboraron un mural e construíron diferentes ferramentas que se empregaban na prehistoria. A continuación, as actividades e obradoiros centráronse na Idade Antiga e o primeiro país co que se traballou foi Exipto. Durante as últimas semanas abordouse a idade moderna e a idade contemporánea. Os rapaces e rapazas traballaron con varios inventos destas etapas históricas e reproduciron varias obras de pintores famosos destas épocas.

Todos os traballos que realizaron os nenos/as ao longo destes dous meses están expostos nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Todos os pais e nais que desexen ver de primeira man o traballo que realizaron os seus fillos/as durante a súa estancia na Escola de verán non teñen máis que achegarse ata estes centros socioculturais.