[28-04-2016] O alumnado da escola infantil municipal A Madalena, do Milladoiro, participou esta semana nunha nova saída. Neste caso visitaron o supermercado Mercadona, que se atopa dentro do centro comercial Novo Milladoiro. Esta actividade encádrase dentro do programa de saídas que realizan ao longo do ano, para ir coñecendo os servizos do seu entorno que son fundamentais para a súa vida diaria.
Os nenos e nenas de 1 a 2 anos visitaron o supermercado Mercadona, que está situado no centro comercial Novo Milladoiro. O alumnado foi en autobús dende a escola ata o supermercado, onde foron recibidos por unha das encargada do Mercadona. Esta persoa foi a encargada de facer de guía e ensinarlles aos nenos/as as diferentes estancias e áreas do supermercado.
Deste xeito, os rapaces e rapazas puideron ver todos os produtos que se poden mercar nun supermercado. Estiveron nas seccións de froitería, peixería, e tamén puideron ver como se fai o pan nun forno que teñen na sección de panadería. Tamén lles ensinaron diferentes tipos de carnes e varias clases de ovos de galiña, codorniz, etc.
Aos nenos e nenas chamoulles moito a atención a neveira onde hai moitas clases de iogures. O persoal de Mercadona agasallounos con uns iogures bebibles e uns gusanitos que lles gustaron moito. Despois de visitar o supermercado, os nenos e nenas aínda tiveron tempo para xogar un pouco no parque que hai nas instalacións do centro comercial e alí almorzaron unhas galletas.
As escolas infantís municipais de Ames organizan moitas actividades lúdicas durante o ano nas que os nenos e nenas ademais de divertirse, se educan en valores e aprenden novas cousas sobre o mundo que os rodea. Neste caso, esta excursión enmárcase dentro da área de coñecemento do contorno máis próximo, a través do cal se intenta que gocen dos lugares que teñen máis próximos.






