[01-01-2016] A Aula da Natureza organiza este Nadal, dentro da programación das festas invernais, dous obradoiros pensados especialmente para os nenos/as e mozos/as amesáns. No primeiro deles os participantes aprenderán a confeccionar bonecos de neve a partir de calcetíns desaparellados e a cociñar mazapán. No segundo terán a oportunidade de achegarse ao mundo da robótica, aprendendo conceptos moi básicos de programación e manexando robots. Estes obradoiro tiveron moi acollida xa que están cubertas todas as prazas ofertadas.
A primeira actividade da Aula da Natureza, as Tardes ao Natural, desenvolverase este sábado 2 de xaneiro. Ás 16:00 da tarde un autobús sairá da Casa da Cultura do Milladoiro para levar aos nenos e nenas ao lugar da actividade. Despois de facer parada na Casa do Concello, para recoller aos asistentes que queiran saír dende Bertamiráns, levaraos á Aula da Natureza onde se desenvolverán os obradoiros de manualidades e cociña.
Non fai falta que os nenos e nenas aporten ningunha clase de material ou de ferramenta, aínda que dende a concellería de Medio Ambiente os inviten a levar calquera material de reciclaxe da súa casa que consideren que poida servir para decorar os bonecos. Primeiro elaborarán bonecos de neve, a partir de calcetíns desaparellados. De seguido, prepararase, coa colaboración de todos os rapaces e rapazas, a masa do mazapán que, unha vez cociñado, poderán levar para as súas casas.
Dende a concellería de Medio Ambiente explican que o motivo da escolla do mazapán como doce a cociñar polos nenos e nenas non foi fortuíta. Ademais de ser unha das sobremesas máis tradicionais do Nadal, trátase dun alimento ''moi sinxelo de facer, aínda que moita xente non o sabe e opta por mercalo''.
Nesta actividade participarán nenos e nenas entre os 6 e os 14 anos. Como sinala a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, "a escolla da franxa de idade non é aleatoria. Pola experiencia noutras actividades obsérvase que entre maiores e pequenos destas idades créanse moi boas dinámicas de traballo. Aos pequenos encántalles que os maiores os axuden e lles expliquen cousas". Este obradoiro rematará arredor das 20:00 horas. Un autobús levará aos nenos/as de volta a Bertamiráns e ao Milladoiro.
Introdución á programación e ao manexo de robots
O luns, 4 de xaneiro, tamén organizado polas concellerías de Medio Ambiente e Mocidade, a entidade Igaciencia impartirá un obradoiro de robótica na Casa da Cultura do Milladoiro. A actividade dividirase en dúas quendas, unha para rapaces e rapazas de 8 a 12 anos, de 16:30 a 18:00 horas, e outra para participantes de entre 13 e 18 anos, que terá lugar entre as 18:15 e as 19:45 horas.
Os obradoiros de robótica proporcionarán un xeito ameno e sinxelo de iniciarse no mundo da robótica, a través do achegamento dos cativos e cativas ao coñecemento dos robots Lego NXT e EV3, dos sensores e motores e da súa programación. Partindo da explicación e obradoiro inicial, trátase de que todos os equipos de asistentes sexan quen de realizar a programación dun robot móbil por eles mesmos, tirando unha idea cabal do funcionamento da robótica e facendo os primeiros programas informáticos.




