Pestanas principais

Os nenos da escola infantil O Bosque fixeron unha particular recollida do millo

Xoves, 20 de outubro de 2011

[20-10-2011] Estamos xa na época do outono e na escola infantil municipal O Bosque non quixeron deixar pasar a oportunidade de que os nenos e nenas gocen dunha das actividades máis típicas e propias desta estación como é a recollida do millo. Esta semana os nenos e nenas de dous a tres anos puideron esfollar e debullar o millo, experimentar cos carozos e rematar facendo pequenos palleiros con todos os pés de millo que levaron os educadores. Deste xeito, as aulas da escola O Bosque convertéronse en pequenas leiras onde os nenos/as gozaron coñecendo unha actividade tradicional, como xa fixeron coa vendima hai unhas semanas.


Na escola tamén aproveitaron a fariña de millo para facer pan. Levaron a fariña á cociña e viron como a cociñeira metía o pan ao forno e, ao final, nenos e educadores puideron probar este rico manxar. A directora do centro explicou que os nenos se motivan moito con este tipo de actividades, ademais de gozar aprendendo.

O obxectivo principal da recollida do millo foi explicar todo o proceso que vai dende que se recolle o millo ata que se fai o pan, neste caso, dunha forma lúdica e práctica para que os máis pequenos o poidan entender. Como sempre que se fan actividades diferentes na escola infantil O Bosque, realizouse unha reportaxe fotográfica que os pais e nais poderán ver na entrada da escola.