[25-06-2011] O nenos da escola infantil de O Bosque celebraron dun xeito moi especial a chegada da noite máis curta do ano, a noite de San Xoán. Os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal de O Bosque, en Bertamiráns, fixeron coa colaboración das súas familias “O Cacho”, unha actividade que consiste en preparar flores e herbas nun recipiente con auga para lavar a cara despois do orballo da madrugada de San Xoán. Neste caso, como en Ames é festivo o venres 24, os nenos fxeron este tradicional rito na mañá do xoves.
Emilia Seara, a directora do centro, explica que "se lle enviou unha circular ás familias dos meniños pedíndolle a súa colaboración para que trouxeran distintas plantas: fiuncho, herba luísa, fento, e outras plantas e unha pequena botella con auga dalgunha fonte que estivera preto das casas. Con todo iso os nenos e nenas desfixeron as plantas nun barreño cheo de auga das fontes e deixárono ao orballo da noite para lavar a cara ó día seguinte con esa auga e seguir así unha tradición milagreira." Os mais pequenos tamén prepararon uns botes decorados para levar ás súas casas e compartir a auga coas familias.
A Escola infantil O Bosque realiza periodicamente actividades que complementan as unidades didácticas que se tratan nas aulas. A través desta actividade ensinóuselle aos nenos/as algunhas das tradicións do San Xoán. Este tipo de actividades realizáronse ao longo de todo o ano. Deste xeito, durante este curso xa participaron en diferentes obradoiros con motivo do Magosto, do Samain, do Nadal, do Entroido, etc.




