- Tematica
A programación do Ames Cultural continúa este venres, 13 de marzo, coa obra Riazor Ostia, ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase da nova produción de Os Náufragos teatro en colaboración coa AGADIC. Con texto e dirección do dramaturgo coruñés Gustavo del Río, Riazor Ostia preséntase como un poema escénico que dialoga coa memoria, o odio e a resistencia. Esta representación teatral forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas están dispoñibles na Billeteira Electrónica do Concello de Ames. Podes consultar a programación completa do Ames Cultural premendo nesta ligazón.
Cincuenta anos despois do asasinato de Pier Paolo Pasolini, a peza establece unha ponte simbólica entre o mar de Ostia e o de Riazor. Dous contextos separados polo tempo, mais unidos polo fío invisible da violencia, conéctanse a través dun mesmo berro: o de “maricón”.
Cun elenco formado polos actores Denis Gómez, Leonor Sangabriel, Santiago Cuquejo e Pablo Federico, Riazor Ostia afonda na capilaridade invisible do odio ao diferente, un mal omnipresente que, agochado nas fendas máis escuras das nosas sociedades, vai medrando en silencio ata acabar por anegalas. Colocando ao público diante deste incómodo espello, a peza reflexiona sobre o auxe do fascismo e doutras violencias contemporáneas, abordando cuestións como a visibilidade LGTBIQ+, a xustiza, a educación ou a política, a través dunha linguaxe escénica de forte carga poética, cinematográfica e simbólica.
En 2026, a compañía coruñesa Os Náufragos teatro celebra 25 anos de traxectoria, consolidándose como unha referencia do teatro social galego. Ao longo deste tempo, a compañía desenvolveu unha liña de creación comprometida coa diversidade e coa visibilización das persoas e colectivos tradicionalmente situados nas marxes, liderando proxectos como a peza Hugo -sobre o TEA, recoñecida internacionalmente polo seu valor cultural e educativo-, o Festival Corufest de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual ou o Proxecto Vinte de recuperación da memoria do Picasso coruñés.
Riazor Ostia insírese de cheo nesta traxectoria de compromiso social da compañía, como unha nova proposta que converte a memoria en ferramenta crítica e sitúa o escenario como espazo de reflexión colectiva.
Un poema escénico sobre o fascismo, a violencia e a memoria
Cincuenta anos despois do asasinato de Pier Paolo Pasolini, a súa voz e o seu corpo seguen a interpelarnos, amosándonos feridas aínda abertas. Da súa man, a peza afonda no auxe do fascismo, da violencia e do odio, realidades atravesadas polas loitas e tensións que xorden arredor de temáticas sociais como a visibilidade LGTBIQ+, a xustiza, a educación, a relixión ou a política. Un asasinato baixo o berro de maricón conecta o mar de Ostia co de Riazor, transformando o silencio en reflexión, a cólera en esperanza e a memoria en futuro.
Venda de entradas
As entradas poden adquirirse na Billeteira Electrónica do Concello de Ames, e teñen un prezo de 5 euros (a xeral) ou 2,5 euros (a prezo reducido). Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego.
Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, en caso de que non completase aínda o aforo. A venda pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo.










