Pestanas principais

Os mozos e mozas de Ames volven satisfeitos do primeiro campamento de verán en Nigrán

Luns, 12 de xullo de 2021

40  rapaces e rapazas dende 3º da ESO acamparon no Cámping Praia América, en Nigrán, entre o 4 e o 10 de xullo.

Os campamentos xuvenís de verán, organizados pola Concellaría de Mocidade, comezaron no Cámping de Praia América, en Nigrán. Os mozos e mozas desfrutaron ao longo dunha semana, desta oferta lúdica en primeira liña de praia.

Os/as campistas participaron en actividades acuático deportivas como vela, kaiak, snorkel e  surf. Ao longo da semana realizan, tamén, obradoiros, xincanas ou busca do tesouro.

Os campistas realizaron dúas excursións. Visitaron Monteferro, un fermoso miradoiro situado a 147 metros de altitude e que ofrece unhas fermosas vistas aos acantiladas, ás Illas Cíes e á baía de Baiona. A outra das excursións tivo como destino as Illas Cíes. Os campistas achegáronse á illa para coñecer as súas praias e percorrer as rutas de sendeirismo deste paraíso natural que conforma o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Dende a Concellaría de Mocidade están moi satisfeitos con como se desenvolveu o campamento. Segundo Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade, “resulta moi gratificante ver como pouquiño a pouco a nosa mocidade volve a gozar do tempo de ocio e de lecer dun xeito responsable e seguro tendo en conta as circunstancias sociosanitarias que aínda nos rodean. As rapaces e os rapaces desfrutaron moito das actividades acuáticas do campamento e da convivencia cos compañeiros e compañeiras ao longo destes días".

O campamento de Nigrán rematou o sábado día 10 de xullo e ao día seguinte comezou o segundo campamento organizados pola Concellaría de Mocidade. Desta volta foron os mozos e mozas de 1º e 2º da ESO quenes participan no Campamento xuvenil na Residencia Abrente de Portonovo.

Obxectivos dos campamentos

O servizo de Campamentos de Verán 2021 é unha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar a nenas/os e mozas/os das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia fomentando a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito de vida saudable ao tempo que se achegan ao medio rural, ao deporte ou á cultura.

Campamento de Nigrán

Multimedia

  • Campamento de Nigrán
  • Campamento de Nigrán
  • Campamento de Nigrán