[08-10-2012] O Pavillón de Bertamiráns acolleu o sábado unhas xornadas de cultura urbana nas que os mozos e mozas amienses puideron participar en obradoiros de breakdance, graffiti ou skateboard. As xornadas, organizadas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Ames e a asociación Vella Escola, desenvolvéronse entre as 16:30 e as 20:30 horas no Pavillón, xa que a choiva impediu que se levasen a cabo na Praza do Concello. No Pavillón estiveron a concelleira de Xuventude, María González, e a subdirectora de Promoción de Actividades da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, Yolanda Otero.
O público que se achegou o sábado ata Bertamiráns puido participar en obradoiros de breakdance, graffiti ou skateboard. Ademais, a asociación Vella Escola desenvolveu obradoiros de beatbox, unha modalidade de percusión bucal, e turntablism, unha modalidade de DJ de hip-hop na que se empregan discos de vinilo. Tamén houbo actividades pensadas para os máis pequenos, como a denominada hamabeads na que os nenos e nenas poderán aprender a facer chaveiros.
Ao longo da tarde, leváronse a cabo exhibicións de breakdance nas que os asistentes puideron contemplar unha coreografía completa e unha mostra acrobática. Como novidade, os organizadores desprazaron un coche ata o Pavillón para realizar os grafittis sobre el.




