[05-04-2012] Tras o cambio horario do pasado 26 de marzo, os mercados de rúa de Ames amplían o seu horario de venda ao público. Así, o mercado de Bertamiráns abrirá todos os sábados de 16,30 a 20,30 horas mentres que o mercado do Milladoiro o fará os luns, tamén de 16,30 a 20,30 horas. Na actualidade, o mercado de Bertamiráns conta con 76 postos de venda e o do Milladoiro con 84, ofrecendo unha ampla gama de produtos de todo tipo: téxtil, calzado, complementos, artesanía, plantas ou alimentación.
Neste sentido, a Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo destaca que o mercado do Milladoiro, que xa cumpre cinco meses desde a súa apertura, experimentou un considerable aumento no número de postos de alimentación, pasando dos 10 puntos de venda destes produtos na data de apertura (21 de novembro de 2011) ata os 18 actuais. Este incremento de postos permitiu diversificar en gran medida a oferta de produtos de alimentación no mercado da Praza de Manuel Murguía, no que se poden atopar desde rosquillas e viño ata produtos de horta ou filloas.
O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo salienta que “a consolidación dos mercados de rúa no concello de Ames é un feito tanto pola afluencia de público como polo volume de vendas ”. Bernardo Moar asegura que estes mercados teñen a “flexibilidade e a versatilidade de saber adaptarse ás necesidades e á demanda dos usuarios, o que se está a traducir nun aumento constante de xente procedente non só do noso concello senón tamén de Teo, Santiago ou Brión”. “ Desde o Concello somos conscientes de que os mercados de rúa constitúen un importante pulo para a economía de Ames polo que o noso compromiso é o de continuar apoiándoos decididamente”, engade.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Las ferias ambulantes de Ames amplían, hasta las 20.30 horas, su horario"