Pestanas principais

Os máis pequenos inícianse nas novas tecnoloxías

Luns, 19 de decembro de 2011

[19-12-2011] Durante a semana pasada a Aula de informática do Milladoiro acolleu un curso dirixido aos máis pequenos para que se iniciasen nas novas tecnoloxías durante as datas de Nadal. Este obradoiro enmárcase dentro da programación de outono que desenvolve esta aula de informática e que realiza a Concellería de Cultura, Educación e Patrimonio. O curso impartiuse o xoves 15 e o venres 16 de decembro, en horario de tarde, de 18:00 h. a 19:00 horas, e estivo dirixido a nenos/as de entre 5 e 8 anos.

As novas tecnoloxías están cada vez máis presentes, e saber empregar un computador ou navegar pola Internet é indispensable. Por iso, a aula de informática do Milladoiro organizou unhas xornadas de iniciación ás novas tecnoloxías para os máis cativos/as. Este obradoiro celebrouse os días 15 e 16 de decembro, en horario de tarde dende as 18:00 ata as 19:00 horas. O curso foi gratuíto e estivo dirixido a nenos/as de 5 a 8 anos de idade. Neste curso participaron 10 nenos/as, polo que se cubriron todas as prazas ofertadas.

Os nenos/as que asistiron a este obradoiro aprenderon a realizar postais de Nadal co programa OpenOffice Draw. Para iso tiveron que facer debuxos (de árbores de Nadal e decoralos, de regalos...), inserir imaxes de estrelas, engadir texto aplicándolles efectos, inserir imaxes de Nadal, usar o programa Fontwork...

Esta actividade foi a última que se realizou este ano na Aula de informática do Milladoiro. Dende a Concellería de Cultura, Educación e Patrimonio estase traballando na programación do primeiro trimestre do próximo ano. Cómpre lembrar que a Aula segue aberta todas as tardes de 16:00 a 20:00 horas, para que todos os usuarios/as poidan empregala para facer traballos persoais, consultar o seu correo electrónico ou buscar información na Internet.