Pestanas principais

Os lugares de Lapido e Oca celebran as súas festas patronais durante esta fin de semana

Xoves, 19 de setembro de 2013

[19-09-2013] Os lugares de Lapido e Oca celebran esta fin de semana as festas na honra da virxe das Mercedes e da virxe do Corpiño, respectivamente. En Lapido, as festas celebraranse o venres 20 e o sábado 21 de setembro. Neste lugar a música correrá a cargo das orquestras Suavecito e Nevada, do grupo de gaitas Os Castros e da discoteca móbil Femoni-Música. Por outra banda, en Oca a festa será o sábado 21. Neste caso, a música correrá a cargo da Agrupación cultural Santa María de Sar e do grupo Soprano. En ambas as dúas aldeas haberá actos relixiosos con misas rezadas e cantadas.

Esta fin de semana continúan as festas no concello de Ames. As aldeas de Lapido e Oca celebran as súas festas na honra da virxe das Mercedes e da virxe do Corpiño, respectivamente. As celebracións no lugar de Lapido, pertencente á parroquia de Ortoño, comezarán o venres 20 de setembro cunha verbena, que comezará ás 22:00 horas, a cargo da orquestra Suavecito. A festa continuará o sábado 21 con pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Castros. Ás 13:00 horas haberá unha misa solemne e a correspondente procesión.

Tralos actos relixiosos haberá sesión vermú, que estará amenizada pola orquestra Nevada e polo grupo de gaitas Os Castros. Xa pola noite, a partir das 22:30 horas, poderase gozar da verbena coa música da orquestra Nevada e da discoteca móbil Femoni-Música. O campo da festa estará cuberto cunha carpa.

As festas na aldea de Oca, pertencente á parroquia de Ames, tamén se celebran o sábado 21 de setembro na honra da virxe do Corpiño. As celebracións comezarán a partir das 10:00 horas coas misas rezadas. Posteriormente, ás 11:00 horas haberá pasarrúas a cargo da Agrupación cultural Santa María de Sar. Os actos relixiosos continuarán ás 13:00 horas cunha misa cantada pola Coral da Asociación de Veciños de Oca. Despois dos actos relixiosos será a quenda da sesión vermú na que se poderá gozar da música do grupo Soprano e do grupo de gaitas de Sar. Xa pola noite seguirá a festa coa verbena que ofrecerá o grupo Soprano.