[30-04-2014] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu unha nova edición do Trofeo de Kárate Concello de Ames no que se deron cita tres clubs de Ames e da comarca. O Club Deportivo Karate Ames, en colaboración coa Concellaría de Deportes, organizou un torneo triangular no que competiron, nas modalidade de kata individual e kumite, arredor de 100 deportistas das categorías que van dende benxamín ata xúnior (feminino e masculino). Cómpre salientar os bos resultados obtidos polos/as karatecas do Club Deportivo Karate Ames, que conseguiron 40 trofeos dun total de 80. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a lista de premiados.
Este ano realizouse un torneo triangular entre o Club Deportivo Karate Ames, o Club Avalon Kai de Santiago de Compostela e o Club Kárate Valga. Os participantes, que tiñan unha idade que ía dende os 5 ata os 17 anos, dividíronse en diferentes categorías (de benxamíns a xúniors). Os karatecas competiron tanto na modalidade de kata (formas) coma na modalidade de kumite (combate). Houbo competición tanto na categoría feminina coma na masculina.
A competición levouse a cabo nas modalidades de kata (exhibición) e kumite (combate en xaponés). Na primeira modalidade os participantes competiron en solitario, nun exercicio individual cun contrincante imaxinario, levando a cabo movementos de defensa e contraataque. Neste tipo de exercicios mídese a potencia, a calidade técnica e a destreza do participante nos seus movementos. Na modalidade de kumite compítese en parellas, nun combate sen contacto entre ambos os dous membros. Os rapaces están en todo momento protexidos con casco, peto, luvas e outros elementos de seguridade. Ademais, está prohibido tocar o casco do rival, prevéndose sempre a protección da integridade física dos participantes.
40 trofeos para o Club Deportivo Karate Ames
Hai que destacar os bos resultados que conseguiron os/as karatecas do Club Deportivo Karate Ames, que conseguiron 40 trofeos dun total de 80. Por outra banda, os karatecas do Club Avalon Kai de Santiago de Compostela gañaron 22 trofeos, mentres que os deportistas do Club Karate Valga conseguiron 18.
Nas categorías de benxamín, alevín e infantil da modalidade de kata os/as karatecas do Club Deportivo Karate Ames obtiveron os seguintes resultados: Pablo Canedo (1º posto en kata benxamín masculino); Aquiles Pérez (2º posto en kata benxamín masculino); Liam Jabif (3º posto en kata benxamín masculino); Iván Fernández (4º posto en kata benxamín masculino); Carolina Méndez (1º posto en kata benxamín feminino); Julia Pardo (3º posto kata benxamín feminino); Martín Sanjorge (1º posto en kata alevín masculino); Jacobo Tajuelo (2º posto kata alevín masculino); Sara Mallo (2º posto en kata alevín feminino); Adrián Mayo (1º posto en kata infantil masculino); Yago Moroño (3º posto en kata infantil masculino); e Sofía Méndez (1º posto en kata infantil feminino).
Seguindo na modalidade de kata, pero nas categorías xuvenil, cadete e xúnior, os trofeos foron para Pablo Rodríguez (1º posto en kata xuvenil masculino); Francisco Javier Abel (3º posto en kata xuvenil masculino); Inés Quintana (2º posto en kata xuvenil feminino); Ariadna García (3º posto en kata xuvenil feminino); Mateo Raindo (2º posto en kata cadete masculino); Jorge Jiménez (3º posto en kata cadete masculino); Álvaro Naya (4º posto en kata cadete masculino); Sergio Goyanes (1º posto en kata xúnior masculino); Manuel Gosende (2º posto en kata xúnior masculino); Nerea Montes (2º posto en kata xúnior feminino); e Sandra Abel (3º posto en kata xúnior feminino).
Trofeos na modalidade de kumite
Por outra banda, na modalidade de kumite os trofeos foron para Antón Riveiro, Adrián Mallo, Nicolás Tajuelo e Yago Moroño que quedaron 1º, 2, 3º e 4º respectivamente na categoría infantil masculina. En kumite, pero na categoría infantil feminina, Sandra Seoane foi segunda e Sofía Méndez obtivo o terceiro posto. Francisco Javier Abel Grandío quedou segundo en kumite xuvenil masculino, mentres que na categoría xuvenil feminina Inés Quintana foi primeira, Ariadna García obtivo o segundo posto e Martina Flores a cuarta posición.
Os karatecas amienses tamén tiveron un papel destacado nas categorías cadete e xúnior da modalidade de kumite. En cadetes Mateo Raíndo quedou primeiro, Jorge Jiménez foi segundo e Álvaro Naya obtivo o terceiro posto. Mentres que na categoría xúnior masculina Sergio Goyanes foi primeiro e Manuel Gosende quedou na segunda posición. Por último, en xúnior feminino Nerea Montes obtivo o primeiro posto e Sandra Abel o segundo.




