- Tematica
A pasada fin de semana, do 5 e 6 de xullo, a localidade de Carballedo acolleu o I Trofeo Internacional de Karate da Ribeira Sacra, unha cita na que participaron máis de 250 karatekas procedentes de diferentes clubs de España e Portugal. Os irmáns amesáns, Olivia e Xoán David Parga, conseguiron subir ao podio desta competición. Pola súa banda, Olivia obtivo a medalla de ouro, mentres que Xoán David acadou a medalla de prata.
Os pasados días 5 e 6 de xullo, a localidade de Carballedo acolleu o I Trofeo Internacional de Karate da Ribeira Sacra, a primeira cita internacional do karate que se celebrou na comarca de Chantada. Nesta competición, participaron os amesáns Olivia e Xoán David Parga que, unha vez máis, volveron á casa con medallas no peto.
Pola súa banda, Olivia Parga acadou de novo a medalla de ouro na súa categoría tras gañar con superioridade os seus dous combates. Por outro lado, Xoán David Parga conseguiu levar a medalla de prata despois de pelexar tres grandes combates, perdendo o último deles contra un compañeiro do seu club.
Youth League de Poreč
Por outra banda, na derradeira fin de semana do mes de xuño, do 28 ao 29, Olivia Parga, xunto co seu irmán Xoán David Parga, disputaron a Youth League de Poreč, en Croacia, unha proba que reuniu a máis de 3000 karatekas de case 80 países.
Pola súa parte, Xoán David Parga competiu a categoría junior <61kg e disputou un combate contra un rival de Francia, quedando en empate a 0-0. A decisión arbitral non favoreceu ao amesán e, finalmente, quedou eliminado.
En canto a Olivia Parga, participou na categoría U14 <47kg, disputando dous combates. O primeiro deles gañando 8-0 contra unha rival de Rusia, mentres que no segundo combate perdeu contra unha rival de Croacia por un 4-2.
Deste xeito, ámbolos dous irmáns poñen peche a unha gran temporada. Tras o descanso do verán, os irmáns Parga volverán aos adestramentos para preparar as xornadas da Liga Nacional de Karate e o Campionato Galego de Karate, competición que permite o acceso á preselección para poder acudir coa selección galega ao Campionato de España de Karate que se celebrará no mes de novembro en Jaén.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Dúas medallas para os irmáns amesáns Olivia e David Parga"
Diario de Santiago: "Os irmáns amesáns Olivia e Xoán Parga subiron ao podio no I Trofeo Internacional de Karate da Ribeira Sacra"









